Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
mércores, 31 de xullo de 2019

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O Concello abona as facturas en nove días e mantense á cabeza de España

O concelleiro de Facenda deu conta este mércores ante o Pleno do informe de Tesourería do segundo trimestre e indicou que Vigo, xunto a Barcelona, son as urbes que antes pagan aos seus provedores. Ademais, a Corporación aprobou a Conta Xeral do Concello de 2018, que arroxa un resultado orzamentario positivo.

Este mércores celebrouse a sesión plenaria correspondente ao mes de xullo, en cuxa primeira parte se debateron distintos puntos relativos a orzamentos e facenda. Este bloque pechouse coa presentación do informe de Tesourería do segundo trimestre do presente ano sobre o cumprimento dos prazos de pago a provedores.

Segundo a intervención de Jaime Aneiros, o Concello fai fronte ás súas facturas en nove días desde a presentación telemática das mesmas, situándose á cabeza das cidades de España xunto a Barcelona, que anota o mesmo prazo. A cifra amosa a "solidez e solvencia" do Concello, valorou o edil de Facenda, quen puxo en valor que o prazo de abono sexa o menor posible para "evitar tensións de tesourería" ás empresas. Aneiros tamén explicou que o Concello de Vigo tardaba 66 días en pagar no ano 2006.

Seguindo cos datos de maio, os últimos comparables, a media de prazo nas corporacións locais españolas supera os 60 días, polos nove de Vigo. Madrid anotouse unha cifra de 20 días e Zaragoza de 21, polos 59 de Las Palmas ou os 25 de Alicante. En Galicia, engadiu Caballero, os números son de 32 días en Pontevedra, 44 días na Coruña, 77 de Ourense ou 62 días en Mos e Baiona.

No debate, o edil do BNG, Xabier Pérez, reclama a mesma axilidade no pago das subvencións, mentres que o voceiro da Marea, Rubén Pérez, insistiu no control do cumprimento do servizo ou obra contratado e o seu homólogo do PP, Alfonso Marnotes, indicou que "só faltaba" que non se abonase en tempo con "tanto diñeiro" como ten o Concello en caixa.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, replicou que as subvencións se abonan unha vez xustificadas, cumprindo "estritamente" coa lexislación, e as obras se pagan despois de ser analizada e certificada a súa execución. No relativo ás axudas sociais, outro exemplo citado por Aneiros, o Concello avala a necesidade e as concede con "pago inmediato".

Conta Xeral
O Pleno aprobou a Conta Xeral do Concello e da Xerencia de Urbanismo do pasado ano, cos votos do grupo socialista, a abstención de Marea e a negativa de PP e o concelleiro do BNG. O documento, exposto por Aneiros, reflicte un resultado "positivo" cos 29 indicadores que teñen en conta os organismos de control externos.

O concelleiro explicou que o exercicio de 2018 concluíu con case que un 90% de execución, 253 millóns pagados e cun superávit que permite incorporar remanentes ás arcas municipais. O documento do pasado ano fixo posible satisfacer as necesidades da cidade, engadiu Aneiros, quen comparouno co de 2006, cando había 66 millóns de débeda pola débeda cero actual e agora se inviste un 280% máis en benestar social, un 66% máis en educación e un 124% máis en emprego.

A oposición fixo fincapé na ausencia desta Conta Xeral do pago de 35 millóns polo Auditorio Mar de Vigo, que fixo incorrer no incumprimento da regra de gasto. Esta contía procedeu dos remanentes do Concello e a operación foi defendida polo concelleiro de Facenda recordando que a concesión foi adxudicada polo goberno anterior á chegada de Abel Caballero e que a infraestrutura recuperada para o público ten un custo superior aos 100 millóns.

Outros asuntos
Tamén en materia orzamentaria e facenda, os concelleiros tomaron coñecemento do estado de execución do orzamento no segundo trimestre do presente ano e do plan anual de auditorías do Concello correspondente a 2019, un tema "técnico", en verbas de Aneiros, que recolle aquelas cuestións a controlar no ámbito municipal, como a concesión e avaliación de subvencións públicas ou os contratos menores.

No tocante á execución do orzamento, o concelleiro de Facenda explicou que, a 30 de xuño, foron abonados 99,1 millóns de euros, sen facer fronte a xuro algún ao ter o Concello débeda cero. Aneiros indicou que se gastaron dous millóns de euros no Servizo de Axuda no Fogar que presta o goberno vigués, ademais da prestar outros servizos como a teleasistencia ou a casa de acollida, ademais da contratación de 187 profesionais co plan de emprego do Concello.

Os grupos da oposición ven "falta de xestión" no que consideran unha baixa execución orzamentaria ata o momento, dun terzo á metade de ano, e con nove millóns de investimentos executados dos 59 millóns totais. Aneiros argumentou que a execución vai segundo o previsto e incluso "moi ben" e recordou que hai que respectar os tempos da administración e os procesos administrativos.
Mais noticias
A Corporación insta á Xunta a integrar CEDRO no Sergas asumindo o custo do servizo
O Pleno Municipal demanda a creación de solo industrial e comercial á Xunta de Galicia
A Corporación pide á Xunta "diálogo" para unha nova zonificación escolar e aumentar as dotacións educativas
O Pleno pide un plan de choque para reducir as listas de agarda na sanidade viguesa


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003