Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
venres, 01 de febreiro de 2019

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O Concello autoriza a derruba do asilo de Pi y Margall obrigando a conservar a fachada

O asilo será a primeira propiedade a demoler no Barrio do Cura, coa obriga de desmontar a fachada da igrexa para logo reconstruíla no seu emprazamento actual. Abel Caballero, quen advertiu do "risco inminente de colapso" do inmoble revelado polos técnicos, anotou que o derrubo dará "seguridade" á zona.

O goberno de Vigo vén de conceder licenza de derruba ao asilo de Pi y Margall, no que será a primeira actuación do proxecto de edificación do Barrio do Cura, segundo explicou Abel Caballero este venres. O alcalde advertiu de que o permiso municipal obriga a desmontar e conservar a fachada da igrexa, que deberá ser reposta no seu emprazamento actual unha vez conclúa a urbanización do ámbito.

A superficie total a demoler é de 7.945 metros cadrados, cun orzamento de execución próximo aos 91.000 euros. Caballero argumentou que os derrubamentos programados no Barrio do Cura comezan polo asilo ao presentar un "risco inminente de colapso", acreditado nun informe dun enxeñeiro técnico industrial que aconsella a demolición. A este respecto, o rexedor recordou que o goberno vigués xa instara á propiedade a adoptar medidas urxentes de seguridade. A demolición será "moi positiva para a seguridade da zona", indicou Caballero en rolda de prensa, en referencia á situación da zona de Torrecedeira e ao propio risco de colapso do asilo.

A tramitación do novo Barrio do Cura avanza en paralelo ás derribas previstas na zona, que arrancan co asilo. Así, o Concello ten iniciado o convenio urbanístico, que recupera no substancial a ordenación establecida no PERI de 2014, cunha superficie edificable de 56.000 metros cadrados do que o Concello mantén o 10% do aproveitamento do solo urbano non consolidado e co 30% para vivendas de protección pública.

Engadiu Caballero que a urbanización inclúe 5.000 metros cadrados de espazos públicos e zonas verdes, un novo miradoiro á ría de Vigo, 1.800 metros cadrados máis para equipamentos públicos e 300 prazas de aparcamento. No tocante ás comunicacións rodadas e peonís, o alcalde puxo en valor a continuación da rúa Torrecedeira ata Poboadores, ademais da mellora de Llorente e Santa Marta e o novo acceso peonil desde o Berbés ata o Paseo de Alfonso. O alcalde garantiu tamén a conservación das casas de pescadores e as fachadas dos edificios catalogados.

Publicado no DOG en novembro, o plan para o Barrio do Cura ten autorizada a avaliación ambiental estratéxica simplificada ao considerar que terá un impacto positivo sobre a mobilidade no casco urbano. O Concello agarda agora que os promotores remitan o proxecto coas melloras incorporadas polo goberno vigués para proceder á súa aprobación inicial, previo á correspondente exposición pública.
Mais noticias
O goberno local inviste 559.000 euros nos campos de fútbol de San Andrés de Comesaña e As Relfas
O paso da borrasca "Helena" deixa en Vigo medio centenar de incidencias
O Concello cede o bus turístico ás Peñas do Celta para apoiar aos "celestes" antes do partido contra o Sevilla
As Travesas acolle este sábado o Galego de grupos de show, modalidade "fermosa" da patinaxe


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003