Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
luns, 03 de decembro de 2018

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


Abel Caballero: "É deslealdade facer oposición ao local desde un parlamento autonómico"

O alcalde reivindica a Constitución como garante da autonomía dos municipios porque "nunca os intereses partidarios poderán antepoñerse ao interese dos cidadáns. O acto de conmemoración da Carta Magna celebrouse esta mañá no MARCO e a presidenta da Deputación foi a autora do bando.




Discurso do Día da Constitución


O alcalde de Vigo lembrou esta mañá que o artigo 140 da Constitución garante a autonomía dos municipios polo que "nunca os intereses partidarios poderán antepoñerse ao interese dos cidadáns". No acto conmemorativo da Carta Magna, celebrado esta mañá no MARCO, Caballero insistiu en que "é deslealdade inmiscuírse e arrogarse competencias dunha administración municipal, intentando facer oposición ao local desde un parlamento autonómico". Referiuse á situación de Vigo, "onde estamos asistindo á deslealdade dun Goberno autonómico negando as súas obrigas de atención, ás súas inversións e o seu gasto na cidade". Na súa opinión, o mandato de lealdade da Constitución é a obriga de atender ás cidades pero tamén non converter o Parlamento autonómico en cámara de oposición.

Acompañado pola autora do bando, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, reivindicou a celebración dos 40 anos de Constitución porque marca o período irreversible da democracia. "Seguro que con erros, con deficiencias, neste camiñar xuntos, pero coa capacidade de corrixir rumbo, xirar e avanzar, como España, como comunidades autónomas e como municipios".

A sociedade evolucionou nestas catro décadas, dixo, e as cidades son hoxe o lugar onde todo acontece, os avances e o progreso. Nin as cidades nin os cidadáns de 1978 teñen moito que ver cos de 2018 polo que cando se reforme a Constitución, algo que tarde ou cedo acontecerá, o texto terá que recoñecer esta realidade con competencias. As novas demandas, a modernidade ten que ter o seu espazo na Constitución Española a través das cidades, onde se celebran os grandes pactos, "como en Vigo, cun gran pacto entre o goberno que presido e os vigueses e as viguesas".

Nas súas verbas, a Constitución é un acordo de toda España que implica 40 anos de pervivencia dun pacto histórico, 40 anos da "etapa democrática máis brillante da historia de España". Melloras sociais, económicas, laborais, sanitarias, educativas.....A Constitución require de lealdade entre institucións, insistiu, "e preciso coñecer e respectar os dereitos, as obrigas e as competencias de cada cal". Tivo tamén palabras para a situación en Cataluña "e os que incluso van máis aló da deslealdade e vulneran flagrantemente a Constitución, os da declaración unilateral de independencia, teñen que saber que sempre toparán coa democracia, coa Constitución, co dereito e coas normas".
Mais noticias


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003