Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
venres, 21 de setembro de 2018

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O alcalde propón unha comisión técnica da auga e inclínase por un segundo encoro xunto a Eiras

Abel Caballero recordou este venres que calquera solución definitiva para o abastecemento de Vigo e comarca tardará anos, polo que urxe á Xunta de Galicia a acometer o transvase de emerxencia pactado o pasado ano co Concello e ademais pagado pola administración local viguesa.

O alcalde respondeu así este venres ás declaracións do director xeral de Augas de Galicia, entidade dependente da Xunta, descartando a execución do transvase de emerxencia entre os ríos Verdugo e Oitavén e apostando polo transvase do Miño como solución definitiva.

Abel Caballero non descarta ningunha opción a longo prazo e avoga pola constitución dunha comisión técnica que analice as alternativas e decida. O alcalde decántase por construíu un segundo encoro xunto ao actual de Eiras, pola calidade da auga e por ter un menor custo de bombeo que o transvase desde o río Miño.

Cun segundo encoro, e dada a alta pluviosidade da conca, "en seis días" encheríanse as dúas en días de chuvia razoable, expuxo o rexedor, almacenando auga para un ano e dous meses. Sobre a opción do Miño, Caballero pide a Augas de Galicia que indique quen pagaría o custo "moi elevado" dos bombeos de auga, que ademais se captaría logo de pasar polas depuradoras dos distintos municipios que verten ao río.

En calquera caso, o transvase de emerxencia é "vital" para Vigo e sería "temporal" mentres non estea dispoñible a solución definitiva que se adopte; logo sería desmontado. O alcalde insistiu en que nada garante que teñamos auga se chega un outono seco e correspóndelle á Xunta de Galicia o abastecemento de auga aos concellos pois é a súa "competencia e obrigación". "Feijóo", engadiu Abel Caballero, "confía todo a que chova: e se non chove?"
Mais noticias
Caballero compara o modelo gratuíto do aparcamento municipal do Álvaro Cunqueiro co da Xunta, de pago


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003