Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
venres, 13 de abril de 2018

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O Concello propón instalar a Biblioteca do Estado nun novo edificio "singular" na rúa Lalín

Abel Caballero avanzou este venres o proxecto que manexa o Concello de Vigo para a instalación da nova Biblioteca do Estado. O alcalde explicou que a proposta inclúe a construción dun edificio "singular", o traslado do CEIP e Residencia Altamar ao edificio novo dos xulgados e crear un Ágora Cultural no inmoble vello, ademais de abrir unha rúa de acceso.




O Concello de Vigo propón instalar a Biblioteca do Estado nun edificio "singular" nos terreos da rúa Lalín xa expropiados para o que ía ser a Cidade da Xustiza. O proxecto, presentado este venres polo alcalde, tamén inclúe trasladar o CEIP Altamar, así como a súa residencia, ao inmoble dos novos xulgados e crear no vello edificio unha Ágora Cultural.

"Vigo debe ter un edificio singular para a nova Biblioteca do Estado e esta é a nosa proposta, unha actuación pensada para os vindeiros 150 anos, no que tamén resolvemos a situación do Colexio Altamar e creamos unha gran zona cultural", sinalou Abel Caballero durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación para explicar o proxecto elaborado polos servizos municipais.

A nova Biblioteca do Estado, segundo a proposta avanzada polo rexedor, tería unha superficie construída de 6.000 m2 e unha superficie da parcela neta de 3.671 m2, ocupando os terreos da rúa Lalín no que o Concello de Vigo xa investiu 5 millóns de euros. Ademais, a Ágora Cultural contaría cunha superficie xa construída -o edificio vello dos xulgados- de máis de 18.000 metros cadrados.

Pola súa banda, o traslado do CEIP e a residencia Altamar, agora mesmo na rúa do Carme e dentro do perímetro do Centro Municipal de Deportes, pasaría ao inmoble dos novos xulgados, levantados hai dúas décadas para albergar a sede da Audiencia Provincial. Neste caso, a superficie construída é de 7.894 m2 e a superficie da parcela de 1.924 m2. De forma complementaria, disporía dunha parcela anexa de 2.207 m2, que expropiaría o Concello e que permitiría instalar a zona deportiva.

Ministerio de Cultura
"Na zona hai unha gran preocupación polo baleiro que quedará ao marchar os xulgados á Cidade da Xustiza, polo que esta é unha boa solución que trasladaremos de xeito inmediato ao Ministerio de Cultura e posteriormente á Xunta de Galicia, que terá que encargarse do traslado do colexio", sinalou Abel Caballero.

O Concello barallaba varias opcións pero decidiuse ao final por unha actuación que contempla grandes zonas verdes e facilita o acceso, na actualidade con moitas complicacións, a través dunha nova vía na zona traseira que partiría desde a rúa Lalín.

Ademais, segundo explicou Caballero, o baleirado da actual residencia permitirá ampliar as instalacións do Centro Deportivo Municipal das Travesas. No tocante á Agora Cultural, o alcalde explicou que estaría destinada a acoller o movemento cultural da cidade, desde asociacións a un auditorio para acoller eventos.
Mais noticias
A reforma ou ampliación de nove macro parques infantís en toda a cidade estará rematada nun ano
O Concello patrocina unha homenaxe a Pepe Longueira mañá sábado no Auditorio Municipal
Cursos de pasamanería e cestería en colmo


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003