Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
luns, 07 de agosto de 2017

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O Concello elabora un mural de concienciación en favor da igualdade

O alcalde, Abel Caballero, e a tenente de alcalde, Carmela Silva, visitaron este luns a obra da deseñadora gráfica viguesa Vanesa Álvarez, nas inmediacións do pavillón do Berbés, que forma parte do programa municipal de arte urbana. O goberno vigués pretende concienciar á cidadanía sobre o papel da muller na sociedade.




"Expostas", como se titula a iniciativa, está emprazada no pavillón do Berbés e é unha novidade deste ano coa que o goberno vigués pretende concienciar á cidadanía sobre a situación das mulleres cun mural contra a violencia machista. O ano pasado o Concello fixo unha actividade similar, unha intervención en homenaxe a Érguete.

Este proxecto ten un importante contido en materia de igualdade e rexistra historias de vida de mulleres de relevancia. As tres caras que recolle este mural son de mulleres reais, dúas vítimas de violencia machista e unha campioa de boxeo. "En setembro", adiantou Caballero, "faremos un gran acto en favor da igualdade".

"Expostas" forma parte das actividades complementarias da terceira edición do Programa Municipal de Medianeiras e Arte Urbana, que incluíu murais en seis colexios, obradoiros para nenos, concertos e xornadas sobre arte urbana. "Vigo, Cidade de Cor" se recolle tamén nunha web con todos os murais, localizacións e información sobre os autores tanto desta como das edicións anteriores.

A terceira edición do programa conta cun investimento próximo ao medio millón de euros e supón a conversión en arte dunha quincena de medianeiras máis. A previsión contempla rematar o seu pintado a mediados deste mes e dotalas dunha capa de protección que tamén se está a aplicar nas xa realizadas nos dous anos pasados. Caballero xa confirmou que o próximo ano haberá unha nova edición do programa para decorar outras quince ou vinte medianeiras máis.

O alcalde recordou alguns dos investimentos do goberno que encabeza en materia de igualdade, área á que adica este ano case un millón de euros. Segundo detallou, o servizo de canguros conleva unha partida de 150.000 euros, o centro de emerxencia supón 250.000 euros de investimento municipal, o goberno vigués adica 160.000 euros ao Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades, outros 140.000 euros á promoción da igualdade e do deporte feminino, e ademais achega máis de 75.000 euros ao apoio da Rede de Mulleres contra os Malos Tratos.
Mais noticias
Caballero salienta que o Marisquiño sitúa a Vigo no "centro do deporte urbano de Europa"
Concello e Fomento investiron case 1.800.000 euros nas Áreas de Rehabilitación de Vigo
A árbore de Nadal que instalará o Concello na Porta do Sol ascenderá ata os 31 metros


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003