Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
luns, 19 de xuño de 2017

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O alcalde salienta o avance "excepcional" da cidade e a "estabilidade política" do Concello

Acompañado polos concelleiros e concelleiras do executivo vigués, Abel Caballero fixo este luns balance dos dous mandatos e dous anos de goberno que leva á fronte do Concello, cunha "estabilidade política" da que carece a gran maioría das cidades. O alcalde destacou as políticas social e de emprego, a débeda cero, as humanizacións e os grandes proxectos en marcha.




Presentación

Abel Caballero fixo este luns balance de xestión no ecuador do mandato e despois de dúas eleccións nas que saíu designado como alcalde de Vigo, nun acto no que estivo acompañado de todo o seu equipo de goberno.

Caballero valorou a "estabilidade política" que outorga o proxecto "compartido" da cidade de Vigo, un proxecto "global" e "integrador". Froito desta estabilidade é os nove orzamentos aprobados e dous máis correspondentes ao superávit, que serán tres coa aprobación, o próximo mes, dun novo correspondente ao excedente do pasado ano. O alcalde contrapuxo o "apoio masivo" ao goberno que encabeza coa "paralización" da gran maioría das cidades derivada do resultado nas eleccións do 2015. "Só unha cidade seguíu con gran estabilidade política: Vigo", aseverou.

A nivel político, Abel Caballero recordou que Vigo preside a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e pertence ao Consello das Rexións de Europa, na figura do propio alcalde de Vigo, e tamén por primeira vez a Deputación de Pontevedra está sendo dirixida por unha viguesa, a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva.

Na presentación do balance, arrancou o alcalde repasando as 90 rúas que foron humanizadas nos últimos dous anos e que xa forman parte das 820 que se remodelaron nos últimos anos en todas as parroquias e no casco urbano. Entre as que están en marcha, referiuse a Gregorio Espino, Doutor Corbal, Rosalía de Castro ou Llorente, entre outras moitas.

Seguindo coas melloras, referiuse aos 150 zonas verdes melloradas, entre elas, o macro parque de Castrelos ao que proximamente se van sumar o de Venezuela, o de Navia ou o de Teis. Ademais dous novos skateparks en marcha, un en Navia e outro en Barreiro. Segue crecendo o número de parques biosaudables e xa son 75 (no ano 2007, había só 1). Máis de 5.000 árbores prantadas nas rúas, 29 pistas deportivas remodeladas ou máis de 4.500 bancos instalados son outras das cifras que hoxe formaron parte do balance de xestión de Caballero.

O alcalde puxo en valor a política social aplicada polo goberno de Vigo, a máis importante das cidades de España en función da poboación, con axudas ao pago de vivenda, de enerxía, de alimentación, ou coa apertura dun albergue en plena época de crise económica. Tamén enfatizou a "vocación política" pola educación pública, con 5.000 bolsas de comedor escolar, o programa "Vigo en Inglés", as escolas infantís e a UNED de Vigo, con trece titulacións nun Mar de Vigo onde o goberno vigués vén de abrir unha gran biblioteca-sala de lectura con 450 postos.

Caballero cifrou en 30.000 empregos os creados nestes anos pola acción directa do Concello, ben cos plans de creación de postos de traballo, ben cos investimentos municipais, as "políticas keynesianas de obra pública". O alcalde tamén referiuse á recuperación do aeroporto de Vigo, camiño do millón de viaxeiros anuais, e á designación de Vigo como o concello galego máis transparente.

Destacou tamén o proxecto do Vigo Vertical, coa segunda fase das escaleiras da Segunda República en obras e o inicio de proxectos en San Salvador, no parque Camilo José Cela e en Carral. Engádese o EDUSI, financiado con 15 millóns de fondos FEDER e outros 3,5 millóns municipais, para levar adiante accións do Vigo Vertical, por exemplo, na Gran Vía.

Na transformación da cidade, o alcalde citou a trintena de murais en medianeiras do programa de arte urbano, que prosegue este ano coa terceira edición, e a consecución da quinta Vasoira de Platino consecutiva pola limpeza da cidade. Nas finanzas, o Concello ten actualmente débeda cero e a menor presión fiscal das cidades galegas.

No acto desta mañá, o goberno vigués aludiu aos grandes proxectos conseguidos ou en marcha, como a remodelación do estadio de Balaídos, a nova depuradora, a rehabilitación da Panificadora, a humanización da Avenida de Madrid, a apertura da sede viguesa da UNED, a peonización da Porta do Sol ou a campaña Illas Cíes, Obxectivo Patrimonio da Humanidade.

O alcalde recordou tamén as "pelexas" que a cidade tivo que emprender para conservar o partido xudicial de Vigo, en defensa da sanidade pública e gratuita, a conexión directa a Madrid do AVE, o aeroporto ou a Área Metropolitana de Vigo, que foi "rebentada" pola Xunta de Galicia. Como punto negro, Caballero lamentou a anulación xudicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal, responsabilidade da Xunta de Galicia pola elaboración dun informe insuficientemente motivado, explicou o alcalde.

Abel Caballero concluíu a súa intervención agradecendo o traballo dos concelleiros e concelleiras do goberno vigués e valorando o "apoio masivo por parte dos cidadáns" de Vigo, que tamén agradeceu.
Mais noticias
O Concello retransmitirá o mércores en directo a posta do sol sobre as Illas Cíes


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003