Escoitar

O Pleno aproba inicialmente o orzamento de 2020 que coloca a Vigo "na vangarda da política social"

A Corporación Municipal de Vigo deu este venres o visto e prace cos votos do PSOE á aprobación inicial das partidas orzamentarias para o ano 2020. O concelleiro de Facenda destacou que se trata dun presuposto "extraordinario" que coloca á cidade "na vangarda da política social". Os grupos municipais da Marea e do PP, así coma o concelleiro non adscrito, votaron en contra.

venres, 15 nov 2019
1573827238151119PlenoPresupuestos.JPG
O pleno extraordinario da Corporación Municipal deu este venres o visto e prace á aprobación inicial dos presupostos para o ano 2019 cun montante total de 267,7 millóns de euros, un 4,1% superior ao de 2019 (10,5 millóns máis).

Os votos do PSOE -PP, Marea de Vigo e concelleiro non adscrito (BNG) votaron en contra- serviron así para que o goberno local sacase adiante o décimo terceiro orzamento aprobado de xeito consecutivo. "É un presuposto inversor e social para o progreso imparable da cidade", sinalou o alcalde, Abel Caballero, durante a rolda de prensa posterior ao pleno.

Así, Política Social crece en 1,5 millóns de euros, un 9% máis, ata os 17,7 millóns de euros. Neste capítulo figuran partidas como os 540.000 euros para os Coidadores de Barrio, os case que 2,5 millóns para as axudas contra os desafiuzamentos, 1,8 millóns para axudas de libros e comedor escolar, 273.000 euros (un 14,7% máis que este ano) de apoio a comedores sociais, os 820.000 euros do centro de inclusión social, 329.000 euros para cooperación internacional e con entidades sociais, ou os 6,4 millóns (medio millón máis, un 8,4% de incremento) para Axuda no Fogar.

Educación achégase aos 15 millóns, 900.000 euros máis que este ano. As becas de inglés soben un 5,5% ata superar os 2 millóns de euros, 2,9 millóns destínanse á limpeza dos colexios, 750.000 euros para cubrir patios e os case que 1,5 millóns para as escolas infantís municipais, un 15% máis que este ano e que inclúe o novo centro de Bembrive.

Emprego eleva o seu orzamento por encima dos 6 millóns de euros, un 13,1% máis dos 5,3 millóns do documento en vigor para 2019. Dúas partidas superan o millón de euros: as axudas á creación de emprego e a iniciativa Vigo pola inserción laboral. Por outra banda, o goberno de Vigo reserva 36,7 millóns para Seguridade, aumentando a cantidade deste ano un 6,6%. Neste apartado figuran 880.000 euros para a regulación semafórica intelixente, entre outras partidas.

Deportes presenta un orzamento de 12 millóns de euros. A liña de subvencións a entidades de base sen ánimo de lucro incrementa a súa contía nun 8,8%, ata os 925.000 euros, cando en 2015 a cifra non chegaba ao medio millón de euros. O apoio directo aos clubs de elite suma 464.500 euros. Igualdade eleva o seu orzamento un 1,23% ata os 1,25 millóns de euros, con 241.000 euros para a Casa das Mulleres, entre as principais partidas.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu o documento económico por estar elaborado con equilibrio, débeda cero, impostos e taxas e prezos públicos conxelados, ademais de destacar que as partidas de benestar colocan á cidade "á vangarda da política social". O edil defendeu a elaboración das partidas, que terán superávit e débeda cero, destacando que Vigo terá o seu décimo terceiro orzamento consecutivo.

Segundo destacou Aneiros, os orzamentos contemplan grandes partidas e mencionou algunha como as de Seguridade (35 millóns de euros), Urbanismo (34 millóns), Benestar Social (52 millóns), Medio Ambiente e Parques e Xardíns (10 millóns), fomento do Emprego (5 millóns), Educación (14 millóns) e Deporte (16 millóns).

"É un orzamento inversor que vai a mellorar a vida dos vigueses, garante os servizos públicos, conxela os impostos e son unhas partidas que redistribúen cunha evolución de axudas sociais", sinalou.

Pola súa banda, Rubén Pérez, da Marea de Vigo, argumentou a presentación dunha emenda á totalidade dos orzamentos en base a falla dunha maior colaboración cidadá na elaboración das contas e dunha fiscalidade progresiva para baixar determinados impostos. O concelleiro non adscrito do BNG, Xabier Pérez Igrexas, lamentou que o goberno local "négase a escoitar e non atende ás necesidades reais".

Ademais, o voceiro do Partido Popular, Alfonso Marnoetes, tamén xustificou o voto en contra do seu grupo municipal ao considerar que aumentan os impostos directos, os indirectos, as taxas e a presión fiscal. "Non dan solucións á cidade, son presupostos inxustos, con máis gasto corrente, non beneficia ás familias, castiga aos que crean riqueza e non son redistributivos", concluiu.
Descargar todas as imaxes