Escoitar

O alcalde reclama á Xunta "resolver" esta "crise sen precedentes" na sanidade pública viguesa

Os responsables dos centros de saúde da cidade presentaron a súa dimisión en bloque en protesta "pola precariedade da asistencia sanitaria", indicou Caballero, quen recoñeceu o "esforzo e valentía" dos profesionais. "Que situación límite debemos estar pasando para que houbera esta dimisión masiva", anotou o rexedor: "teñen que empezar a resolver a situación".

martes, 11 dec 2018
O alcalde de Vigo referiuse este martes ao "moi grave problema" que está a vivir a área viguesa, unha "crise da sanidade pública en Vigo sen precedentes históricos nesta cidade", con "dificultades serias no hospital Álvaro Cunqueiro e a dimisión masiva de responsables de centros de saúde nesta cidade protestando pola precariedade da asistencia sanitaria".

"Que situación límite estaremos pasando para que houbera esta dimisión masiva", preguntouse Abel Caballero, quen denunciou que o presidente e o conselleiro pretenden que "aquí non pasa nada" pero "pasa e moito". O alcalde esixiu á Xunta de Galicia a resolución do problema, "dar resposta" ás demandas dos profesionais sanitarios, aos que recoñeceu "o seu esforzo e valentía denunciando a situación", porque "velan pola saúde da cidade".