Escoitar

Alcalde e director provincial da Seguridade Social formalizan a cesión do antigo ambulatorio de Teis

O Goberno de España cede de balde o inmoble ao Concello, que habilitará en Enrique Lorenzo 54 unha biblioteca pública municipal. Abel Caballero avanzou que a aceptación da cesión está "a punto" de ser aprobada polo goberno de Vigo, que xa prepara o proxecto.

mércores, 17 out 2018
1539781650biblioteca.JPG
A reunión deste mércores entre o alcalde, Abel Caballero, e o director provincial da Tesourería da Seguridade Social, Juan Herrera, supón o acto de formalización da cesión gratuíta do antigo centro de saúde de Teis, previo á súa reconversión en biblioteca pública municipal.

A aceptación da cesión está "a punto" de pasar pola Xunta de Goberno Local, adiantou o rexedor en rolda de prensa. Recordou Caballero que o actual goberno de Pedro Sánchez traspasa de balde "e no tempo mínimo posible" o edificio, o que negou o anterior executivo de Mariano Rajoy ata en dúas ocasións.

O Goberno de Vigo xa traballa na futura biblioteca pública municipal de Teis, actualmente co estudo do estado do edificio e preparando o proxecto. As contas do Concello para o próximo ano, dentro das partidas económicas xenéricas da Concellería de Cultura, reservarán unha cantidade para "o proxecto e licitación da nova biblioteca de Teis".
Descargar todas as imaxes