Escoitar

O goberno de Vigo adxudica por 2,8 millóns o programa socioeducativo de apoio familiar

No pasado ano, explicou Abel Caballero, o Concello prestou asistencia a 1.300 persoas das que case que 600 eran menores, en situación de risco e exclusión social. Ademais, o goberno vigués acordou adicar 250.000 euros á candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade.

martes, 14 ago 2018
O goberno de Vigo, reunido este luns, adxudicou a contratación do Programa socioeducativo e de apoio familiar, cun importe lixeiramente superior aos 2,8 millóns de euros.

En rolda de prensa, Abel Caballero indicou que o contrato busca apoiar ás familias e menores con problemas derivados de situacións de risco e de exclusión social, prestando unha atención en distintos ámbitos como o tratamento, a alimentación ou a escolarización dos menores. No 2017, o Concello atendeu a 1.300 persoas con este programa, correspondentes a 380 familias, e das que case 600 eran menores de idade.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou o convenio coa Fundación Vigo Convention Bureau para apoiar con 250.000 euros a candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade. Segundo explicou Caballero, a candidatura está a centrarse na conservación do arquipélago vigués, con estudos científicos a cargo das universidades de Galicia e do norte de Portugal e das principais entidades de investigación do ámbito das ciencias do mar.