Escoitar

Caballero aconsella desprazarse andando ou en transporte público aos concertos de Castrelos e lembra que o luns, para o de Maná, peonalizarase todo o parque

O alcalde pediu aos cidadáns "colaboración" para evitar problemas nos concertos de Castrelos, xa que se espera unha afluencia masiva. Deste xeito, recomenda acudir ao recinto andando ou en transporte público, e anunciou que este se reforzará con numerosas lanzadeiras cara a puntos de toda a cidade. As entradas para Lory Meyers, o 5 de agosto, saen á venda este sábado.

venres, 20 xul 2018
Este sábado, ás 23.00 horas, é a quenda de Serrat. "É un dos entrañablemente grandes concertos destas festas e todo un privilexio, no persoal e no artístico, ter a Serrat en Vigo", asegurou o rexedor. Todas as entradas da parte de abaixo están vendidas pero Caballero lembrou que, tanto neste como no resto de espectáculos "todo o anfiteatro é gratuíto".

Un dos concertos para o que se espera unha maior afluencia de público é o do grupo mexicano Maná, o vindeiro luns 23, ás 23.00 horas. "É o concerto estelar; un grupo a nivel mundial para o que as entradas se venderon de forma inmediata pero que todos os vigueses que o desexen poderán gozar gratis no anfiteatro", afirmou Caballero.

Para este concerto vai cortar o tráfico a partir das tres da tarde do luns na estrada que atravesa o parque de Castrelos, o paseo de Ángel Ilarri, para conseguir "que todo o parque estea peatanolizado". Ademais, non se poderá aparcar nesa estrada desde as 10 da mañá ata que acabe o concerto.

Na avenida de Balaídos van habilitar prazas para persoas con discapacidade e van facer un reforzo moi especial no transporte urbano. Ao acabar o concerto sairán multitude de lanzadeiras desde Castrelos a Praza de América, Camelias, Romil, Paseo de Alfonso, Policarpo Sanz, García Barbón, Issac Peral, Travesía de Vigo e Gregorio Espino.

Pola súa banda, as liñas regulares que chegan á zona do concerto son a L7, L8, L12 B, L17, L27, H1 e H2.

Os seguintes concertos destas festas serán o de Dorian e Zoe, o 27 de xullo; Morat, o 31 de xullo; Raphael, o 2 de agosto; Lori Meyers, o 5 de agosto; Juanes, o 8 de agosto; Operación Triunfo, o 10 de agosto, concerto para o que tamén se tomarán importantes medidas co tráfico, e o 28 de xullo, a Coral Casablanca.

Ademais, o alcalde lembrou as catro grandes actuacións infantís que terán lugar en Castrelos: o 3 de agosto, "Rock en familia"; o 4 de agosto," Cantajuego"; o 6 de agosto, "Xurásico, a illa Perdida"; e o 7 de agosto "Vos mundos de Peppa Pig e Ben & Holly".


Por último, o alcalde avanzou que as entradas para a actuación de Lori Meyers pódense adquirir a partir deste sábado, ás 10 da mañá, en Ticketea.com, Discos LP e o teléfono 902044226.