Escoitar

O servizo municipal de Axuda no Fogar incorpora a 55 novas usuarias e xa supera as 800 persoas

Segundo adiantou este venres Abel Caballero, o goberno de Vigo deu o visto e prace á incorporación de 55 novas usuarios ao programa municipal de Axuda no Fogar. O servizo ten un orzamento total de 4,5 millóns de euros e xa atende a 850 persoas

venres, 23 mar 2018
A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou a incorporación de 55 novas usuarias ao servizo municipal de Axuda no Fogar. O alcalde sinalou que o programa xa atende a 850 persoas e conta cun orzamento de 4,5 millóns procedentes na súa totalidade das arcas municipais.

"Estamos a atender a unhas 850 persoas, na súa maioría mulleres, que reciben a profesionais en atención psicosocial e servizos domésticos como limpeza, lavandería ou comida", sinalou Abel Caballero.

Sanción a Valoriza
Por outra banda, o rexedor informou de que a Xunta de Goberno aprobou a resolución para a imposición dunha multa á empresa Valoriza por incumprimentos do contrato de conservación e reposición de zonas verdes.

Segundo explicou Caballero, a sanción ten un importe de 170.578 euros por unha falta moi grave na prestación "manifestamente irregular do servizo" entre decembro de 2016 e setembro de 2017.