Escoitar

O Concello aproba o proxecto dun "macro parque infantil" en Pedro Alvarado por 500.000 euros

O goberno de Vigo aprobou un proxecto que sairá a licitación por medio millón de euros para facer un "macro parque infantil" no "corazón de Teis", asegurou Caballero, no espazo do actual parque, e cun prazo de execución das obras de tres meses.

xoves, 14 set 2017
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves a aprobación do proxecto para crear na cidade un novo "macro parque infantil", esta vez no "corazón de Teis", en Pedro Alvarado, unha zona "moi habitada" e con "moita demanda" dun espazo destas características.

A aprobación do proxecto tivo lugar esta mañá por parte da Xunta de Goberno Local e a obra sairá a licitación por importe de medio millón de euros. Entre as actuacións deglosadas, o alcalde explicou que as obras, que se alongarán por tres meses, contemplan a desmontaxe do parque actual, a nivelación e impermeabilización do pavimento e o peche perimetral como elemento de seguridade dun parque que será de caucho.

Cemiterios
A Xunta de Goberno Local tamén acordou a antiga adxudicación provisional, hoxe clasificación de ofertas, para o servizo de limpeza, acondicionamento, conservación e mantemento integral dos oito cemiterios de titularidade municipal, que son os de Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Lavadores, Pereiró, Teis e Zamáns. Así o trasladou este xoves Caballero, quen engadiu que o importe do contrato ascende a 924.000 euros polos próximos tres anos, a contar desde o próximo 1 de novembro.

Emprego
O goberno vigués aprobou ademais outros puntos relativos á xeración de emprego. Caballero referiuse este xoves ao obradoiro de emprego "Formaweb", dirixido á mellora da empregabilidade, cualificación e inserción profesional a través de formación na confección e publicación de páxinas web para 15 alumnos e alumnas, por importe superior aos 140.000 euros. O alcalde citou asemade o obradoiro de emprego "Vigo Capacita IV", que impartirá as especialidades de cociña e restaurante-bar e contará con 20 traballadores/as en formación.

Por último, o goberno de Vigo aprobou a convocatoria e as bases reguladoras das subvencións, mediante concorrencia competitiva, para o fomento do emprego en entidades sen ánimo de lucro mediante proxectos relacionados co I+D, por importe de 30.000 euros.