Escoitar

O alcalde pide un Pacto de Estado para atender as necesidades "dos nosos nenos e dos que veñen de fóra"

O presidente da FEMP participou este mércores na apertura do IV Congreso Internacional de Cidades Amigas da Infancia de UNICEF, que se desenvolve en Madrid, onde ofreceu á ONG a colaboración dos municipios para implementar a Axenda 2030 en materia de infancia.

mércores, 13 set 2017
1505310167unicef.JPG
Na súa intervención, Abel Caballero ofreceu a UNICEF-España a colaboración dos Gobernos Locais para a aprobación dun Pacto de Estado que axude ao desenvolvemento persoal e social da infancia e a xuventude no noso país, no marco da Axenda 2030. Manifestou así que esa atención aos máis pequenos e as políticas que se desenvolvan teñen que dirixirse non só aos "nosos nenos senón tamén aos que veñen de fóra".

O alcalde de Vigo enmarcou estas demandas dentro da "revolución" que se vive no mundo local nestes momentos, a "revolución da cercanía", na que é unha prioridade a "atención permanente e determinante" cara os nenos e nenas. Trátase, dixo, dunha "cultura nova", dunha forma de afrontar a educación, a atención social ou a participación dos máis novos por parte dos concellos e de "facer unhas cidades para vivir, máis humanizadas, pensadas e deseñadas para os nenos e a xuventude".
Nesa "revolución" das cidades e municipios, engadiu Caballero- "non debe quedar ningún nenos na cuneta", referíndose tanto aos que viven actualmente nelas "e non poden pagar a comida dos comedores escolares", por exemplo, como a quen están chamando ás nosas portas desde as fronteiras de Europa.
O IV Congreso de Cidades Amigas da Infancia está dirixido a alcaldes, concelleiros, técnicos e representantes públicos municipais, españois e estranxeiros, interesados no deseño de políticas públicas con enfoque de Infancia e de Axenda 2030. Tamén participan membros de organizacións cidadás, profesores, investigadores e estudantes.
Abel Caballero interveu na inauguración do encontro xunto co Presidente de UNICEF Comité Español, Carmelo Angulo; a Directora do IUNDIA, María Ángeles Espinosa; a Directora de Servizos Xerais para a Familia e a Infancia, Mª Pilar González; e Marc Simón, director corporativo da Área Social da Fundación "La Caixa".
Descargar todas as imaxes