Escoitar

O Concello aproba a humanización de Camelias cun orzamento de 1 millón de euros

A Xunta de Goberno Local deu o visto bo á contratación das obras de humanización do tramo de Camelias comprendido entre Doutor Marañón e Juan Ramón Jiménez. Caballero explicou tamén que o Concello contactará coa familia viguesa que pasou a noite na rúa que é usuaria dos servizos sociais dende finais do ano pasado.

mércores, 31 ago 2016
A Xunta de Goberno Local aprobou a contratación das obras de humanización da Avenida das Camelias, entre as rúas Doutor Marañón e Juan Ramón Jiménez, que se realiza con cargo ao Superavit do ano 2015, e deulle o visto bo ao prego de cláusulas administrativas que rexerán a contratación.

Deste xeito, segundo explicou o alcalde, cun importe de 1 millón de euros "seguiremos coa humanización da última fase de Camelias", que é unha das obras incluídas no plan de obras na cidade e de actuacións no rural que ascende a 29 millóns de euros.

Axuda á familia viguesa
O alcalde referiuse hoxe tamén á familia acampada na rúa que reclama axuda ás administracións. Explicou Caballero que están sendo atendidos polos servizos sociais do Concello dende finais do ano 2015 e que está previsto que cobren os atrasos da Risga que lles debe a Xunta proximamente. Sen afondar nos detalles das catro axudas recibidas en diferentes ámbitos, por respecto á intimidade da familia, o rexedor informou de que nos últimos meses, o Concello deulle prioridade ás axudas da alimentación porque contaban cunha vivenda cedida engadindo que "se nestes momentos non a teñen, traballaremos para resolver esta cuestión cos fondos extraordinarios para vivenda" dos que dispón o Concello.

Caballero recalcou que "a nosa vocación de atención a esta familia e a todas as persoas que estean nesta situación é total" e apuntou que agarda que tiveran solicitado o cheque social nas tres categorías posibles: vivenda, pobreza enerxética e alimentación.