Escoitar

O goberno de Vigo tomou coñecemento da fase final das humanizacións de Aragón, Gerona e Gregorio Espino

Abel Caballero informou este martes da toma de coñecemento na Xunta de Goberno Local da fase final das humanizacións das rúas Gerona, Aragón e Gregorio Espino, ademais de dar conta da "nova ampliación orzamentaria" para a reforma integral do estadio de Balaídos, por 1.680.000 euros.

martes, 5 mai 2015
Explicou o alcalde que a primeira fase da humanización de Gerona conleva un investimento de 246.000 euros, a de Gregorio Espino é de 271.000 euros mentres que a terceira fase da humanización de Aragón suma un orzamento municipal de 213.000 euros. Caballero engadiu que o goberno local tamén deu conta da "nova ampliación orzamentaria" municipal para a reforma integral do estadio de Balaídos, por 1.680.000 euros, e urxíu á Deputación de Pontevedra a asinar o convenio bilateral que integre ao organismo provincial na remodelación.

A Xunta de Goberno Local validou asemade a certificación final das obras no campo de fútbol de Samil, que incluíu a reposición e mellora do terreo de xogo de herba artificial e o sistema de rego, cun importe de 235.000 euros.

Por último, Caballero informou de que o Concello dispón de 5 paneis realizados polo artista cubano Nelson Villalobos, nunha cesión a coste cero para a administración local que será ubicada nalgunha instalación municipal.