Escoitar

Caballero eloxia o inicio da recuperación do Berbés, "unha débeda da cidade consigo mesma"

Concello de Vigo e Xunta de Galicia, como partícipes do Consorcio Casco Vello de Vigo, e a Universidade de Vigo asinaron este luns o protocolo de cesión de tres inmobles na praza do Berbés, que acollerán a nova sede da institución académica viguesa nun prazo aproximado de tres anos. Caballero recordou o investimento municipal no Casco Vello nos últimos anos, superior aos 30 millons de euros.

luns, 22 set 2014
1411405859berbes.JPG
A nova sede institucional da Universidade de Vigo, na praza do Berbés, estará rehabilitada e operativa en tres anos, tras a firma do protocolo de cesión dos inmobles. O edificio Cambón, en pleno Casco Vello vigués, acolleu a firma deste protocolo entre a conselleira de Infraestuturas, Ethel Vázquez, e o alcalde, Abel Caballero, por un lado (como representantes do Consorcio), e o reitor da Universidade, Salustiano Mato, por outro.

Este protocolo considera a cesión, a través da fórmula de "dereito de superficie", durante 40 anos, ao final dos cales, os inmobles (rehabilitados e acondicionados) retornarán ao Consorcio. Precisamente, este organismo (participado pola Xunta nun 90 por cento e polo Concello, nun 10 por cento) foi o que adquiriu por un millón de euros os tres edificios, nos números 11, 13 e 15 da praza do Berbés. Agora, levarase a cabo a rehabilitación e acondicionamento (ata completar un investimento doutros dous millóns aproximadamente) para situar neses inmobles, xa unificados, a sede institucional e o Centro de Linguas de la Universidad.

A superficie susceptible de construción-rehabilitación é duns 1.500 metros cadrados. Agora o expediente de cesión será sometido a exposición pública durante 15 días e, posteriormente, tramitarase o outorgamento de escritura pública e a inscrición no rexistro da propiedade.
Descargar todas as imaxes