Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
martes, 01 de abril de 2008

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


Novo número da revista "Castrelos"

O Museo Municipal "Quiñones de León" volve a editar a revista "Castrelos" na que se divulga as áreas de traballo do museo nos aspectos de arqueoloxía, arte, historia da cidade e museoloxía. A revista, primeiro número dunha segunda etapa, presentouna hoxe martes a concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure e o director do museo, José Ballesta.




Neste número trece, e de igual xeito que o primeiro número de 12 de abril de 1987, está adicado a Xosé María Álvarez Blázquez, quen, falecido dous anos antes, fora un dos maiores valedores do museo como comisario local de escavacións e xefe da sección de arqueoloxía do museo. Por este motivo a primeira revista desta segunda etapa renova aquela dedicatoria uníndose tamén deste xeito ás múltiples homenaxes que recibirá en 2008 por mor da súa elección como persoeiro das Letras Galegas.

Segundo explicou o director do museo, José Ballesta, "Castrelos" organiza os seus contidos nas áreas de traballo do museo municipal: arqueoloxía, arte, historia da cidade; engadindo un especial para museoloxía.

Arqueoloxía

A prehistoria da comarca viguesa e a época romana da área municipal centran o apartado de arqueoloxía da revista cos seguintes artigos.

O Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo avanza os resultados da súa escavación da Villa romana de Mirambell, en Toralla (autores: Fermín Pérez, Santiago Vieito e Adolfo Fernández). Ademais presenta un estudio de determinadas cerámicas finas de época tardorromana achadas na rúa Rosalía de Castro (autores: Adolfo Fernández e Purificación Soto) en 1992.

Os arqueólogos Soledad Prieto, Juan C. Carrera e Paula Paredes ocúpanse dun Solidus atopado en excelente estado de conservación. Esta moeda, do século V. d. C., emperador Constantino III, foi achada nunha intervención feita nas rúas Juan Ramón Jimenez e Marqués de Valterra en 2004.

A arqueóloga e doutora en Historia Rosa Villar expón as principais conclusións do seu traballo acerca da colección de materiais líticos prehistóricos doados por Pedro Díaz ao museo municipal en 2001.

A construcción irregular dunha pista nos montes de Coruxo motivou a aparición de diversos materiais líticos de época paleolítica oportunamente recuperados polo club espeleolóxico Maúxo. José Bernardino Costas, Xavier Groba e Eduardo Méndez dan conta destes achádegos depositados no museo municipal "Quiñones de León".

Arte

A sección ARTE presenta tres artigos.

O académico Francisco Pablos realiza un estudio acerca do cadro "Bebedores" do pintor barroco galego Antonio de Puga pertencente á pinacoteca municipal viguesa.

Un artigo do investigador José María Peláez descúbrenos a discípula de Sotomayor, a pintora Marisa Roesset a través do seu cadro "Nena aldeá de Galicia".

As artes decorativas están presentes neste capítulo a través do artigo de Vicente Caramés, do Museo do Mar de Vigo; e Fátima Cobo, do Museo de Pontevedra; dedicado á porcelana chinesa atopada no Parque da Palma de Baiona.

Historia

O capítulo reservado á Historia da cidade reúne unha colección de artigos referidos a aspectos diversos da historia de Vigo na súa idade moderna e contemporánea.

Dous personaxes vigueses de gran transcendencia local e nacional encabezan esta sección: Eijo Garay, a través do álbum homenaxe que se lle fixo ao bispo en 1930 e que se conserva no arquivo municipal (autor: Bernardo Vázquez Gil, cronista oficial da cidade); e Vázquez Varela, na pouca coñecida faceta do alcalde da Reconquista como letrado da corte de Fernando VII (autor: Juan Miguel González, membro do Instituto de Estudios Vigueses).

Dúas coleccións históricas vencelladas ao Concello de Vigo tomarán maior relevancia agora grazas aos artigos de Rafael R. Fernández-Broullón, autor do primeiro estudio exhaustivo da colección heráldica de Castrelos e do que fai na revista un interesante resumo; e Rafael Sisto Edreira que revela o gran valor que posúe a colección instrumental do Laboratorio Municipal parte da cal exponse de xeito permanente nos baixos da Casa do Concello na praza do Rei.

Finalmente o investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Anxo S. Porto realiza unha interesantísima aproximación a Institución Libre de Enseñanza en Vigo a través da aparición na cidade da Escola de Artes e Oficios.

Museoloxía

No capítulo final dedicado a museoloxía Dámaso Peinado, de CROA Consultores, expón un análise pormenorizado dos traballos de restauración levados a cabo nas dúas bandeiras da Reconquista viguesa, depositadas no museo municipal.

A revista está a venda ao público interesado no Museo Municipal "Quiñones de León" cun prezo de 9 euros.
Mais noticias
O Goberno local limita o paso de vehículos polo ‘cortalumes’ do monte da Guía
Inaguradas as novas instalacións da asociación comercial Zona Centro
Espectáculo musical para escolares do grupo "New Titanic Arkestra"
A exposición "Artifex" poderá visitarse en horario de mañá no Museo de Castrelos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003