Escoitar

O Concello aproveita o potencial investigador da Universidade para transformar Mirambell nun parque arqueolóxico

martes, 21 mai 2002
imx1435.jpg
Sinatura do convenio
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e o rector da Universidade de Vigo, Domingo Docampo, asinaron un convenio de colaboración para desenvolver o proxecto de investigación e musealización da vila romana de Toralla. O Concello vai contar con equipos de investigadores da Facultade de Humanidades de Ourense para completar a excavación do xacemento arqueolóxico situado na finca Mirambell, a carón do Vao, para acondicionar o contorno e para construír un museo-centro de interpretación.

Trala sinatura do convenio, Lois Castrillo afirmou que a musealización da vila romana de Mirambell simboliza en boa medida a proposta de futuro que ten para Vigo, xa que reúne nunha iniciativa tres das liñas de actuación do Goberno: o proceso de recuperación do patrimonio histórico, a creación de novos espacios culturais e recreativos e a rexeneración do litoral marítimo de Vigo.

O alcalde explicou que mediante este convenio coa Universidade se vai poder rematar a investigación sobre o xacemento arqueolóxico de Toralla. Asemade, procederase á conservación e musealización do xacemento, converténdoo nun novo centro de atracción cultural, turístico e lúdico. Mirambell converterase noutro museo a carón mesmo do mar que completará unha rede de equipamentos culturais salpicados por toda a costa viguesa (Museo do Mar, Pazo de Congresos, Casa das Palabras).

Lois Castrillo fixo especial fincapé no feito de que a recuperación de Mirambell suporá tamén a rexeneración doutro espacio litoral de Vigo, poñéndoo en condicións axeitadas para que os cidadáns poidan acceder a el e gozar dun espacio verde á beira da praia.

O Concello financia o proxecto cunha aportación de 306.000 euros. A Universidade, a través do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, encargarase dos traballos de investigación arqueolóxica e científica, das obras de conservación e restauración e da elaboración dun proxecto museolóxico integral.

Durante este ano realizaranse as excavacións e habilitarase unha exposición interpretativa do xacemento na mesma finca. O vindeiro ano abordaranse os traballos de musealización da villa e de construcción do centro de interpretación.
Descargar todas as imaxes