Escoitar

Exposición de proxectos para a Casa das Palabras

luns, 18 xuñ 2001
Dúas empresas presentaron cadansúa proposta de redacción do proxecto básico, execución das obras e subministro do equipamento museográfico da Casa das Palabras. O responsable da Comisión de Novos Proxectos, Carlos Príncipe, asistiu á exposición pública das propostas.

Os técnicos municipais realizarán unha valoración informativa dos proxectos, que seguirán os trámites necesarios ata ser tratados polo Pleno da Corporación que será quen tome a decisión última na adxudicación.

Necso Entrecanales Cubiertas propón un xogo de formas cúbicas presente tanto no exterior como no interior do edificio. Cada cubo correspóndese cunha letra do alfabeto. O material inicial co que se constrúen os cubos exteriormente é o mesmo que recobre as paredes interiores da sala de exposicións. Trátase de plancha DM ignífuga, tinguida de colores e vernizada para darlle maior resistencia de uso ó conxunto. Segundo as distintas zonas de traballo utilízanse outros materiais como cristal para as vitrinas e aceiro inoxidable cepillado para os lugares de moito contacto manual.

O proxecto presentado por Ferrovial Agroman pretende crear un espacio no que a luz e o percorrido se poidan adaptaren ás distintas esixencias. O edificio ten unha grande espectacularidade interior con plataformas que flotan sobre o andar inferior, colgado de cilindros de cristal que, ó mesmo tempo, son estructura e contacto co exterior. Concíbese desde fóra como un prisma atravesado polos cilindros que saen ó exterior como torres de iluminación. As fachadas pénsanse en paneis de formigón prefabricados e gravados con distintos códigos e linguaxes escritos.