Escoitar

Abel Caballero satisfeito tras coñecer os plans do Goberno de España sobre a A55, a AP9 e a Avenida de Madrid

O rexedor mantivo no día de onte unha reunión co Director Xeral de Carreteiras, Juan Pedro Fernández Palomino, no que trataron diversos temas de importancia para Vigo.

mércores, 21 dec 2022

 

Este encontro realizado en Madrid, na sede do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, entre o alcalde de Vigo e o Director Xeral de Carreteiras, Juan Pedro Fernández Palomino, foi “excepcionalmente ben” como cualificou Caballero.

Nunha reunión con “moito contido e moitos resultados”, o primeiro dos temas tratados foi a nova autovía ata Porriño, no que o túnel que permitirá evitar as curvas da A-55 atópase nos últimos compases da elaboración do proxecto, o que permitirá someter o trazado a información pública “en maio ou xuño”. Terá unha extensión de 4,2 quilómetros baixo Puxeiros permitirá que “todos os tramos conflitivos desaparezan na súa totalidade”, reducindo as súas pendentes . O investimento de 300 millóns de euros “comezará a solventar o gran problema de Vigo, que é non ter autovía entre a nosa cidade e Porriño”.

O segundo dos temas foi a Autoestrada do Atlántico na súa entrada a cidade, na que que se buscará a “eliminación dos ruídos na maior medida posible” coa instalación de pantallas acústicas dende Rande ata o centro da cidade, xa que se trata dunha entrada “moi agresiva”. O Concello de Vigo tamén presentou unha ambiciosa medida coa humanización do trazado dentro da cidade, coa clara premisa de que sexa “permeable coas zonas de Teis”, facilitando as conexións nos dous pasos superiores existentes para peóns e vehículos entre ambos os lados da calzada, evitando “que sexa un corte na cidade”.

Abel Caballero tamén quixo tratar “a utilización de espazos verdes que deixa a AP9”, con pequenos tramos sen edificacións, “zonas marxinais que no centro da cidade poden lograr un gran atractivo” que o Concello quere adicar a utilizacións “modernas e imaxinativas”. Aproveitando esta cooperación co Ministerio, o goberno local solicitará a titularidade do espazo ocupado antes polo scalextric de Alfonso XIII, buscando “adecuar e acondicionar” esa zona de forma acorde ao centro da cidade, para elo en xaneiro constituirase un grupo de traballo conxunto no que estará Audasa, a empresa que xestiona a AP9.

Finalmente, o Director Xeral de Carreteiras e o alcalde, trataron a reforma da Avenida de Madrid, que incrementará o seu investimento ata os 16,2 millóns de euros, asumindo dous terzos para o Goberno central e o restante o ente municipal. Como trasladou Abel Caballero, ata que se finalice a instalación das ramplas mecánicas da Gran Vía non se podería iniciar esta obra, xa que se produciría o colapso do tráfico nun dos principais accesos á cidade, por ese motivo o Ministerio de Transportes ampliará o convenio ata 2026. Caballero avanzou que a Avenida de Madrid contará “cunha peza escultórica moi importante”.

 

Descargar todas as imaxes