Escoitar

O Concello incrementa un 40% o orzamento da área de Educación para 2023

Abel Caballero informou en rolda de prensa este mércores sobre o orzamento educativo para o vindeiro ano que acada un importe de 21.776.000 euros, 6.241.000 euros máis que en 2022.

mércores, 9 nov 2022

O rexedor destacou a partida de 5,2 millóns de euros dedicada a financiar as bolsas de libros para o estudantado de ensino obrigatorio, que hoxe se publica no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Caballero salientou algunhas das partidas destacadas do orzamento educativo: a limpeza dos colexios acada en 2023 os 3.300.000 euros, un 14% máis, “que paga o Concello”, e ao que cómpre sumar os 200.000 euros para a desinfección Covid “que debería facer a Xunta de Galicia”, apuntou. A subministración de enerxía eléctrica e gas dos centros ascende a 1.216.300 euros, subindo en 650.000 euros e a reparación e mantemento de edificios dos colexios ten presupostado 670.000 euros, 70.000 máis que en 2022.

O programa Vigo en Inglés ten un orzamento de 2.453.000 euros, un 8% máis que en 2022, para propiciar que case mil nenas e nenos da cidade estuden inglés no Reino Unido ou Irlanda o vindeiro verán.

Caballero puxo en valor tamén a dedicación municipal ás escolas infantís que suma 2.375.312 euros “e son gratis total para as familias, non lles cobramos nada”, xa que o Concello asume tanto as matrículas como os gastos do comedor. Ademais, a Xunta “obriga” a Vigo a pagar 205.000 euros para financiar as súas escolas infantís na cidade. Son 9 centros cos seguintes presupostos anuais: Mestres Goldar: 223.000€, Casiano Martínez: 247.000€, Tomás Alonso: 249.000€, Saiáns: 269.000€, Teis: 273.000€, Bembrive: 310.000€, Casco Vello: 263.000€, Navia: 273.000€ e Lavadores: 269.000€.

As ensinanzas especiais ofertadas polo Concello “de xeito gratuíto” acadan en 2023 un orzamento de 3.400.000 euros: a Escola Municipal de Artes e Oficios con 1.20.000 euros e ensino de balde para o alumnado; a Escola Municipal de Teatro con 102.000 euros; a Escola Municipal de Música ten presupostados 447.000 euros; a ETRAD (Escola Municipal de Música tradicional e folk) 256.000 euros sendo gratuíta para o estudantado e a Escola Municipal de Danza suma 150.000 euros.

Ademais, o goberno municipal asume o pagamento das bolsas de comedor a través do Convenio con Foampas: 606.000 euros. A UNED suma un presuposto total de 567.000 euros ebtre o mantemento dos espazos, as titorías e o profesorado que aboa “integramente o Concello”.

 


Por último, o rexedor sinalou o orzamento da Biblioteca Neira Vilas: 272.000 euros, a Biblioteca do Auditorio Mar de Vigo (85.000€), a Sala de lectura de Navia (40.000€) así como as bolsas de estudos internacionais para a Escola Oficial de Idiomas, que incrementan en 20.000 euros a súa achega, ata os 100.000 euros. Amais, o orzamento reserva 37.550 euros para o programa de educación básica de persoas adultas, 16.000 para a redacción do proxecto de cubrición do patio do Ceip Lope de Vega e 16.000€ para a redacción do proxecto do Ceip Josefa Alonso.

 

Descargar todas as imaxes