Escoitar

O alcalde sitúa no próximo verán a finalización da musealización das galerías do Castro

O Concello segue coa tramitación da musealización de O Castro, unha vez recibida a terceira resolución de Patrimonio sobre un proxecto no que a cidade ven traballando desde hai máis dun ano. As observacións da Xunta non impiden avanzar nunhas obras que estarán rematadas o próximo verán.

martes, 11 out 2022

O alcalde avanzou esta mañá que o Concello vai seguir adiante co proxecto de musealización das galerías e posta en valor da fortaleza de O Castro, unha vez recibida a última resolución de Patrimonio ao respecto. Tal e como explicou, o goberno local leva máis dun ano traballando nesta iniciativa e os técnicos están nestes momentos estudando a último informe da Xunta que recolle cuestións “irrelevantes e menores” que non impiden a continuidade da tramitación. Entre outros asuntos, a terceira resolución da Dirección Xeral refírese á cuberta inclinada do polvorín que nestes momentos supón un grave risco de accidente cando se sube a xente enriba. A intención municipal é modificalo para que sexa unha superficie plana, un cambio que tamén é compatible co seu deseño histórico e así se xustificará.

Caballero avanzou que “nada nos vai deter porque temos a razón e a legalidade do noso lado” e atribuíu as obxeccións da Xunta a un intento de atrasar un proxecto que estará rematado o próximo verán e enfatizou que o proxecto de musealización é competencia exclusiva do Concello. Respecto dos prazos, as obras xa foron licitadas, coa presentación de catro empresas e está previsto que se adxudiquen a finais deste mes ou a principios do que vén polo que os traballos comezarán en novembro.

O proxecto ten un orzamento de 1,4 millóns que se financiarán con fondos procedentes do Goberno de España quen outorgou unha subvención de dous millóns, dos que 600.000 euros serán para a instalación dunha nova sinalización turística con pantallas de televisión.

Descargar todas as imaxes