Escoitar

O Concello demolerá a antiga cafetería miradoiro do Castro para convertela en zona verde

O alcalde detallou esta mañá algunhas das novas actuacións que o Concello prevé acometer con cargo á modificación orzamentaria de 25 millóns que está a tramitar. Entre outras, destaca o derrubamento da antiga cafetería miradoiro do Castro que pasará a zona verde, cun orzamento de 300.000 euros.

mércores, 21 set 2022

O Concello segue adiante coa modificación de crédito extraordinario de máis de 25 millóns que lle permitirá abordar, entre outras moitas, obras como a demolición da antiga cafetería miradoiro do Castro para crear un novo espazo verde e de paseo (300.000 euros); a reconstrución da piscina de Teis, logo do incendio que sufriu (1 millón); a remodelación da Plaza de San Mauro (300.000 euros); a humanización de Calexón Balado (130.000 euros); o inicio da mellora dos parques Matías -entre Travesía de Vigo e Aragón (500.000 euros); un parque en Navia, que non será unha dotación infantil (600.000 euros); a modernización do edificio do mercado de Teis (685.000 euros); a cubrición da pista do Centro Cultural Bembrive e mellora do parque (600.000 euros); así como a demolición e nova construción do edificio para a nova biblioteca de Teis (300.000 euros).

Segundo sinalou o alcalde en rolda de prensa, a modificación para dispor deste crédito extraordinario deberá ser aprobada en Xunta de Goberno e logo irá a Pleno para a súa aprobación provisional. Tras o período de alegacións, someterase a validación definitiva e toda esta tramitación estenderase menos de dos meses e a partir de aí, as obras comezarán de xeito inminente.

 

 

Descargar todas as imaxes