Escoitar

Caballero di que o Cidade de Vigo de grupos show, este domingo, é "patinaxe de extraordinaria calidade"

O Trofeo Internacional Concello de Vigo de grupos show regresa este domingo, mil cento sesenta e nove días logo da súa última edición, ao non ser posible a súa celebración pola pandemia.

martes, 21 xuñ 2022
A presentación en rolda de prensa do evento tivo lugar este martes na Alcaldía.
A presentación en rolda de prensa do evento tivo lugar este martes na Alcaldía.

E volve cun formato similar ao de abril de 2019, é dicir, sete categorías (grupos grandes, pequenos e promocionais pequenos e grandes, grupos júnior, cuartetos e cuartetos promocionais), patrocinio de Concello, a través da Fundación VIDE, e de Celtamotor e dividindo o programa en dúas sesións, de mañá e tarde, en lugar de en dúas xornadas vespertinas.

"É patinaxe de extraordinaria calidade e invito á cidadanía a que se achegue a As Travesas", subliñou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, na presentación do evento. Cunhas 600 patinadoras e patinadores (regresa o exitoso grupo luso Say Yes), o evento ten un ano máis "carácter internacional", apuntou Miguel Quereizaeta, presidente do Patín Vagalume, entidade de novo encargada da organización do mellor e máis numeroso evento galego desta disciplina.

Os clubs de Vigo non se perderán a cita, pois se inscribiron Carpa Grupo Viqueira, Indalo, FPRV O Olivo, CP Balaídos, CP Castrelos e Colexio Apóstol Santiago. O Vagalume organiza pero este ano as súas patinadoras están enfocadas noutras modalidades.

Ademais de Galicia e Portugal, entre os trinta e cinco clubs inscritos figura representación de Baleares, Madrid, Castela e León, Cataluña e Andalucía, dada a relevancia que o trofeo se gañou dende que comezou en 2016.

O Central das Travesas estará reservado este sábado para adestramentos e, o domingo, a competición vivirá unha fase de mañá (10:30) e outra de tarde (16:30). O prezo das entradas, 8 euros todo o día e 5 para a xornada de mañá ou a xornada de tarde.

Descargar todas as imaxes