Escoitar

O Concello retoma as clases de educación viaria nos centros educativos

A Policía Local prosegue coas xornadas de educación viaria que imparte en centros de Primaria da cidade. Unha vez superada a pandemia, a previsión é achegar esta formación a uns 10.000 alumnos, igual que no ano 2019.

venres, 20 mai 2022

O alcalde achegouse esta mañá ao Ceip Lope de Vega onde o alumnado de 5º de Primaria recibiu formación en educación viaria. Son charlas impartidas pola Policía Local que pretenden incrementar no alumnado o interese pola mobilidade segura, mellorar a toma de decisións relacionadas co uso das vías e iniciar un cambio de actitudes.

Tal e como explicou o rexedor, no ano 2019 estas xornadas impartíronse a 10.000 alumnos, unha cifra prevista para este 2022, tras a pausa sofrida polas medidas sanitarias da pandemia. De feito, en 2021, retomáronse estas actividades coa participación de 3.000 estudantes. Estas xornadas compleméntanse con outras accións como a campaña de concienciación do uso do cinto de seguridade no transporte escolar.

Obras

O alcalde aproveitou a visita para pasar revista á situación na que se atopa o centro escolar e, ao comprobar o deficiente estado de conservación da cuberta da pista deportiva, comprometeuse a renovala, así como a facer unha reforma integral do patio Infantil e dos baños da primeira planta. O Concello xa acometeu a renovación doutros tres aseos nos anos 2018 e 2019. En declaracións aos medios, Caballero cifrou en case 400.000 euros o importe destes traballos e lembrou que son competencia da Xunta.

Seguindo con dotacións para os colexios, hoxe rematou a entrega de xogos para todos os centros de Infantil e Primaria de Vigo. O Concello dispuxo 17.000 euros para que os nenos e nenas teñan novos xogos para o ocio co obxectivo de renovar un material que tiña máis de 14 anos.

Descargar todas as imaxes