Escoitar

O Concello destina máis de 2,7 millóns de euros ao novo parque de Bombeiros en Esturáns

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación da contratación das obras do novo parque que albergará aos Bombeiros e Protección Civil nun edificio de case 2.000 metros cadrados, que permite a saída simultánea de ata tres vehículos.

venres, 6 mai 2022

“Vai ser un parque de bombeiros excepcionalmente importante, preparado para saír de emerxencia ata tres vehículos á vez. Os bombeiros estarán nunhas dependencias dignas”, avanzou o rexedor en rolda de prensa, ao detallar as características da nova dotación para Bombeiros e Protección Civil cuxa obra vén de adxudicarse por un importe de 2.724.000 euros.

As novas instalacións, emprazadas en Esturáns 2, nunha parcela de titularidade municipal o que facilita o inicio da obra contarán con soto, baixo, dúas plantas e un torreón cunha superficie útil de case 2000 metros cadrados e dotadas de sistema de climatización, renovación de aire e ventilación, sistema de recollida de pluviais e fecais, rede de megafonía, voz e datos, sistemas de seguridade e instalación de aire comprimido, sistema de protección contra incendios e dotación de ascensor na zona de uso do propio edificio. Ademais, contará cun aula de para a formación continua de bombeiros e voluntarios de Protección Civil, así como unha torre de manobras para prácticas de bombeiros.

Para o alcalde, “o máis destacable” é que o novo parque permitirá realizar ata 3 saídas simultáneas “fronte a unha única saída que tiña o parque de Balaídos que era inapropiado”. Lembrou tamén que no ano 2015 o Concello remodelou por completo o parque de Bombeiros de Teis, cun orzamento superior a 1,3 millóns de euros, “que era invivible”, polo que agora Vigo contará con dous parques operativos, o novo de Esturáns cun “emprazamento infinitamente mellor, cerca do porto e do centro da cidade, con fácil mobilidade” e engadiu que, desde que é alcalde da cidade “dedicamos máis de 5millóns de euros aos parques de bombeiros municipais”.

Proxecto de urbanización do Barrio do Cura

A Xunta de Goberno aprobou inicialmente o proxecto de urbanización do Barrio do Cura que se corresponde co ámbito de solo urbano non consolidado, que será sometido a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncio que se publicará no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, na páxina web do Concello, na sede electrónica municipal así como na prensa.

O alcalde salientou que “o Barrio do Cura é un avance importantísimo na cidade, o máis importante feito nunca probablemente en Vigo”. Trátase dun espazo 112.000 metros cadrados, dos que o Concello recibirá 7.000, que incluirá dous ascensores entre O Berbés e o Barrio do Cura chegando ata o Paseo de Alfonso, A rehabilitación das casas que deron nome ao Barrio, unha nova escola infantil, espazo e zonas verdes e superficies para uso público.

Descargar todas as imaxes