Escoitar

O alcalde anuncia a cesión de Balaídos para o concerto de Muse

Caballero emprazou á Xunta de Galicia a concretar a data da actuación e “teñen o estadio á súa disposición”. “Non lles vou permitir que se leven o concerto de Muse a Coruña”, afirmou o rexedor vigués, quen asegurou este xoves que o goberno autonómico tiña decidido “desde marzo” que o grupo británico brindara o seu espectáculo na urbe herculina.

xoves, 5 mai 2022
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa.
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa.

O alcalde propuxera ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha reunión con el ou con algún conselleiro ou conselleira para acordar a celebración na cidade do concerto de Muse, mais “o señor Rueda non quere que nin el nin o goberno galego se reúna co alcalde de Vigo, a máis importante cidade de Galicia”.

Segundo Caballero, “non quere reunirse comigo porque non ten intención de traer o concerto de Muse a Vigo e quere levalo a Coruña” e asegurou ademais que “desde marzo” teñen decidido que se celebre na urbe herculina, incluso “antes de que se fixera público” o nome do artista. “E de feito, a día de hoxe, seguimos sen ningunha solicitude para celebrar o concerto de Muse no estadio de Balaídos”, engadiu.

Ante esta tesitura, o alcalde vigués denunciou que “non lles vou permitir que se leven o concerto de Muse a Coruña” e anunciou a cesión do estadio para a actuación da banda: “Nos teñen que dicir a data e teñen o estadio á súa disposición”. “Xa non hai escusas, señor Rueda”, trasladou Caballero: “Na data que nos den, poño o estadio a disposición da Xunta para este concerto”.

Descargar todas as imaxes