Escoitar

O Marco celebra o 23 de abril con "libros libres" e talleres para público infantil e adulto

O alcalde, o director do Museo e a responsable da Biblioteca-Centro de Documentación avanzaron a actividade de bookcrossing e o obradoiro para adultos arredor da obra de Leiro, que se celebran este venres 22, e o taller infantil “Cadernos telescópicos”, que se celebra o sábado 23.

martes, 19 abr 2022
O alcalde durante a visita á Biblioteca-Centro de Documentación do Marco xunto á responsable, Abel Losada e o director do Marco
O alcalde durante a visita á Biblioteca-Centro de Documentación do Marco xunto á responsable, Abel Losada e o director do Marco

Abel Caballero puxo en valor o libro como “desenvolvemento da civilización”, como elemento de transmisión da cultura ou a ciencia e celebrou que o 23 de abril sexa o día dos lectores e lectoras, autores e autoras, das librerías e das bibliotecas. Así, sinalou o rexedor que “a nosa función é facer que a cultura do libro se intensifique e sexa cada vez máis xeralizada”, de aí a importancia das actividades que se van desenvolver estes días e que permitirán o contacto da cativada co libro: “imos collelos e lanzalos a ensinarlle o marabilloso mundo do libro. Temos que recuperar a presenza da xente nova nesta casa para que se reencontren co libro”.

O alcalde referiuse “á nova dimensión que lle estamos dando ao Museo, como lugar de desenvolvemento cultural” a través do encontro arredor do libro escoitando aos autores, con clubs de lectura, debates...

Neste sentido pronunciouse tamén Miguel Fernández-Cid, director do MARCO, expoñendo que no cabe entender o Museo de Arte Contemporánea sen ser “un espazo tamén para a investigación e información cunha biblioteca e centro de documentación que irá ampliando o seu espazo, sobre todo a parte de material exposto, catálogos visibles e accesibles para os usuarios”.

Iria Fernández, responsable da Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO puxo en valor o traballo desenvolvido e os cambios introducidos no seu funcionamento: a ampliación do horario para o persoal investigador, as publicacións e edicións do Marco “que favorecen intercambios con outros centros”, o club de lectura, a ampliación de espazo de depósito e labores de catalogación, o fondo bibliográfico incrementado, as visitas comentadas á Biblioteca para achegar os servizos e as actividades á cidadanía ou o proxecto “Documentando o MARCO” para reconstruír a memoria viva do edificio. Amais continúan as actividades de difusión e colaboración BiblioMARCO Extramuros.

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo súmase á celebración do 23 de abril, Día do libro cun taller orientado ao público adulto baixo o título “Creando Creaturas”, que estará conducido por María Xosé Martínez. Celébrase o venres 22, de 17:00 a 18:30 horas, e é gratuíto, previa inscrición vía mail. A actividade desenvólvese ao redor da exposición de Francisco Leiro, que se inaugura ese mesmo día no MARCO. As obras de Leiro, en particular as súas criaturas antropomórficas, servirán de base para unha actividade na que a imaxinación é un compoñente esencial, e para a que non se require ningunha formación previa ou habilidade específica.

Libros libres: Bookcrossing 2022 é a segunda proposta para o Día do Libro. O venres 22, a partir das 11 horas, o MARCO “liberará” exemplares procedentes da Biblioteca, fronte á fachada principal e tamén repartidos en distintos puntos da cidade, seguindo a filosofía e o obxectivo de divulgación que inspirou esta iniciativa desde o seu nacemento.

O obradoiro infantil “Cadernos telescópicos” terá lugar o sábado 23 de abril e permitirá aos participantes crear libros-cadernos “telescópicos” nos que, a partir dun simple recorte ou intervención sobre cada páxina, as imaxes vanse sucedendo e creando novas composicións e significados. De 11.00 a 12.15 horas da mañá para cativada de 3 a 6 anos e, de 12.15 a 13.30 horas, para público de 7 a 12 anos. Celébrase no Espazo Anexo, na praza peonil posterior.

O alcalde durante a visita á Biblioteca-Centro de Documentación do Marco xunto á responsable, Abel Losada e o director do Marco
Descargar todas as imaxes