Escoitar

VigoSónico reabre as salas de ensaio o 3 de maio

O alcalde anunciou este martes a volta a actividade das cinco salas. Os grupos interesados en ensaiar en VigoSónico deberán cubrir un formulario online solicitando o día e franxa horaria de preferencia, desde este martes e ata o 1 de maio. Os espazos estrearán medidores de CO2.

martes, 19 abr 2022
Abel Caballero, este martes en rolda de prensa na Alcaldía.
Abel Caballero, este martes en rolda de prensa na Alcaldía.

Este martes comeza o prazo para anotarse na web de Xuventude do Concello de Vigo (xuventudevigo.org), que estará aberto ata o 1 de maio, incluído. Explicou Caballero que as bandas poderán encher un formulario no que solicitar día e hora.

Dado que os venres están ocupadas coa actividade gratuíta de emprendemento musical que organiza a Fundación Paideia en colaboración co Concello, as salas de ensaio estarán dispoñibles os martes, mércores, xoves, sábados e domingos. As franxas horarias serán asignadas por orden de solicitude e, no caso de que algunha formación teña pedido un espazo xa ocupado, se lles contactará para ofertarlle outros días ou horarios que continúen libres. De ser preciso, o Concello establecerá unha lista de agarda.

A asignación do horario terá unha vixencia de tres meses, segundo explicou Caballero. Pasado ese tempo, os grupos deberán repetir o formulario de solicitude. Como novidade, e por prevención ante o Covid, as salas contarán con sistemas de medición de CO2 en tempo real conectados, vía WiFi, cun ordenador central. No caso de superar os niveis máximos, será preciso baleirar a estancia para renovar o aire.

Descargar todas as imaxes