Escoitar

O Concello licita a nova escola infantil de Praza da Industria por 627.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves o expediente de contratación das obras de execución do proxecto de acondicionamento da planta baixa e do soto do Instituto Municipal de Educación para a nova escola municipal infantil que terá 57 prazas.

xoves, 10 feb 2022
Abel Caballero durante a rolda de prensa deste xoves no Salón de Plenos
Abel Caballero durante a rolda de prensa deste xoves no Salón de Plenos

O alcalde informou en rolda de prensa que o orzamento de licitación é de 627.000 euros e o prazo estimado de execución das obras no inmoble, situado en Camiño do Chouzo, é de 4 meses.

A obra inclúe a demolición da cuberta da zona de almacén existente, tabiquería interior e desmonte das escaleiras existentes, un novo saneamento horizontal e nova división interior, a reparación de elementos de cuberta deteriorados e a colocación de illamento e dunha cuberta de vidro no soportal de entrada para protexer aos nenos na entrada e saída do centro. Terá nova fontanería, baños, rede de calefacción, ventilación, electricidade e iluminación, ademais de redes de datos

A nova escola infantil municipal da Praza da Industria contará con aulas para os tres cursos e un total de 57 prazas: 8 no primeiro ano, 23 para nenas e nenos de entre un e dous anos e 26 para os de dous a tres anos. “Estamos pensando e así llo transmitirmos ao Ministerio de Educación que a escola debe ser obxecto de financiamento de fondos europeos e imos presentala”, sinalou o rexedor, malia que de momento “adiantamos os fondos desde o Concello porque non queremos que se atrase”.

Deu conta Caballero das nove escolas infantís de titularidade municipal que contan cun orzamento de 2 millóns de euros: Atalaia- Teis, Bembrive, Bouzas, Mestres Goldar-Castrelos, Costeira-Saiáns, Navia, Santa Cristina-Lavadores, Tomás Alonso, Santa Marta-Casco Vello e haberá unha nova no Barrio do Cura coa nova urbanización da zona. “Son practicamente gratuítas”, xa que os usuarios soamente pagan de media o 18% e o Concello o 82% do custo, apuntou.

O alcalde explicou tamén que o Concello está na obriga de cofinanciar escolas infantís da Xunta de Galicia: a de Valadares (73.000 euros), a da rúa Palencia (31.000 euros) e a de Hernán Cortés malia non participar na xestión das mesmas. Lembrou tamén que a Xunta de Galicia ten en Vigo 5 escolas infantís “nas que se paga máis do dobre de prezo que nas municipais” e que a última escola construída pola Xunta en Vigo foi no ano 2012 “leva 10 anos sen facer unha soa escola infantil na cidade”.

A Xunta de Goberno deu luz verde tamén ao expediente de contratación por procedemento aberto do servizo de xestión da Escola Infantil Municipal Mestres Goldar en Castrelos, por un período de 4 anos, e un importe total superior aos 979.000 euros.

Organización do Entroido

A Xunta de Goberno aprobou este xoves a subvención nominativa a favor da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais e da Federación de Peñas Recreativas “El Olivo” para a organización dos actos do Entroido 2022 por un importe de 85.000 euros; 41.950€ para a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais e 43.050 para a Federación de Peñas. O Concello traballa na organización do Entroido que terá lugar entre os días 25 de febreiro e 2 de marzo.

Amais, recibiu luz verde o convenio entre o Concello e a Asociación Veciñal e Cultural de Lavadores para o desenvolvemento do programa de dinamización infantil e xuvenil na ludoteca, por un importe de 28.000 euros. A ludoteca é empregada por nenos e nenas de entre 6 e 12 anos con horario de 16 a 20 horas de luns a venres e, durante os períodos vacacionais, entre as 9:30 e as 13:30 horas.

Axudas de emerxencia

A Comisión de Axudas de Emerxencia do Concello concedeu este martes 77 axudas por valor de case 16.000 euros, con 36 delas destinadas ao pago de alugueiros, “co que evitamos desafiuzamentos na cidade”, dixo Caballero. En total, destináronse 12.165 euros a este fin. Desde que comezou a pandemia o goberno municipal leva concedidas 16.450 axudas que beneficiaron a 48.589 persoas.

Descargar todas as imaxes