Escoitar

O Concello abordará nun Pleno extraordinario a autovía en túnel a Porriño

O alcalde amosouse “escandalizado” coa petición realizada polo presidente da Xunta de Galicia á Ministra de Transportes para que “non se faga a autovía de Vigo a Porriño en túnel.

martes, 25 xan 2022
Imaxe do Pleno Municipal celebrado en novembro
Imaxe do Pleno Municipal celebrado en novembro

“É a primeira vez que un presidente autonómico lle di ao Goberno de España que non faga unha obra desta envergadura. Págaa o goberno e é fundamental para o transporte, os camións”, explicou Abel Caballero, que sinalou que nestes momentos o anteproxecto da obra está en tramitación ambiental.

“Somos a única grande cidade de España que non ten autovía a Madrid; haina de Porriño a Madrid, e vaina facer e pagar o Goberno de España. Tódalas demais cidades galegas téñena e Vigo non. Por que? Por que pide iso Feijóo?”, cuestionou o rexedor en rolda de prensa. A este agravio suma ademais que o presidente da Xunta e o PP “nos deixaron sen AVE directo a Madrid, despois tentou pechar o aeroporto de Vigo e agora pide que non fagan a autovía”.

Co fin de tratar este tema “da maior envergadura”, o alcalde convocará un Pleno Extraordinario o vindeiro martes, 1 de febreiro, e que “toda a cidade saiba o que quere facer de novo contra Vigo”.

Vía entre Beade e Bembrive

O alcalde referiuse tamén este martes ao vial entre Beade e Bembrive que proxecta o PXOM e sobre o que a Xunta de Galicia “non obxecta, e non pode facelo porque é central e vital para a cidade. Di que non o quere pagar. De novo, a Xunta de Galicia que se nega a pagar un vial autonómico central e vital para a cidade de Vigo”. Reiterou Caballero que o goberno autonómico sabe que esa vía é “imprescindible pero non quere pagala” polo que considera que “terán que explicar por que”.

En rolda de prensa, expuxo que prolongación da vía, de titularidade autonómica, vai permitir a conexión entre a zona de Matamá desde o nó da Balsa, coa contorna do Hospital, con Clara Campoamor, co PTL e a contorna de Maruxáns: “é enteiramente autonómico” e vai ser usado fundamentalmente por tráfico que une dous parques industriais, contemplados no ámbito autonómico, que leva ao hospital ao que “vén xente de toda a área metropolitana de case 30 municipios. É a conexión co hospital Álvaro Cunqueiro”, incidiu.

O rexedor censurou a actitude da Xunta de Galicia que “pagou a terceira ronda da Coruña, investindo 80 millóns de euros e pagou tamén o túnel do Parrote no centro da cidade. Cando se trata de financiar a Coruña a Xunta dedica 92 millóns de euros, para financiar un idéntico ao da Coruña -en Vigo- a Xunta di non. Outra vez non quere pagar o que ten que pagar nesta cidade”.

 

 

 

Descargar todas as imaxes