Escoitar

O Concello estudará de forma “exhaustiva” as 4.445 alegacións presentadas ao PXOM

Logo de tres meses de exposición pública, o documento entra na fase de estudo das alegacións presentadas, das que un 38% se realizaron de forma presencial e un 61,2% de forma telemática. Para o rexedor o plan "vai mellorar substancialmente a situación global da cidade en aspectos como o acceso á vivenda a prezos razoables e accesibles".

mércores, 19 xan 2022
O alcalde e a concelleira de Urbanismo durante a comparecencia en rolda de prensa
O alcalde e a concelleira de Urbanismo durante a comparecencia en rolda de prensa

A concelleira de Urbanismo explicou que este é un proceso de participación cidadá “importante” que tratou de facilitarse co novo formato telemático e coa ampliación nun mes do prazo regrado de presentación das alegacións. Amais, o Concello mantivo encontros con 23 asociacións veciñais para explicar o documento, cubrindo todo o termo municipal.

A Xerencia de Urbanismo recibiu 4.445 alegacións ao documento, o 38% (1,728) presentadas de forma presencial no rexistro habilitado no Auditorio Mar de Vigo e 2.717, presentadas telematicamente, o que supón o 61,2% do total. Durante os 3 meses de exposición pública, acudiron 3.076 persoas á oficina disposta no Auditorio polo Concello. María Xosé Caride apuntou que o proceso de información pública do PXOM do ano 2008 recolleu 60.992 alegacións, das que 43.000 eran contrarias ao documento polo que o actual plan é “moito máis aceptado que o anterior”.

O alcalde cualificou o plan de “extraordinariamente ben adecuado á cidade de Vigo, con amplísima aceptación social. Vai mellorar substancialmente a situación global da cidade en aspectos como o acceso á vivenda a prezos razoables e accesibles” con ata 15.000 vivendas de protección, defensa dos espazos medioambientais, respecto importante ás condicións de tódolos ámbitos da cidade. Engadiu que o documento usa a “posibilidade de solo industrial para seguir xerando riqueza na cidade”.

A edil de Urbanismo sinalou que o Concello vai facer co equipo redactor un “traballo exhaustivo” de análise e estudo das alegacións presentadas “coa mellor vontade de incorporar todas aquelas cuestións que poidan ser incorporadas” no documento e “contestaremos individualizadamente a tódalas cuestións propostas”, tanto as aceptadas como as rexeitadas, “coa mellor vontade de que entre todos consigamos un documento mellor, máis corrixido, máis referendado”

En relación á oposición ao vial contemplado entre Maruxáns e a VG-20 explicou Caride que máis do 50% do trazado da vía é en túnel ou viaduto para minimizar o impacto na contorna e o goberno municipal estima que pode afectar a entre 4 e 11 vivendas; “contextualizando é importante o número de persoas pero o grao de afectación en solo residencial da proposta ten que ser atendido adecuadamente pero está acoutado”.

Con todo, subliñou que o Concello buscará “a posibilidade de que todas as persoas afectadas por esta actuación ou outras que poidan ter incidencia territorial poidan ser reubicadas na súa contorna”. María Xosé Caride sinalou que para a tramitación do estudo das alegacións e dos informes sectoriais que vaian aparecendo, o goberno municipal parte coa vontade de “atender ás distintas sensibilidades que se presenten e se poidan presentar durante este proceso, para dar adecuada implicación e resposta no documento ás cuestións que se vaian presentando”.

Sobre as dúbidas vertidas estes días en relación ao contido da documentación presentada e sometida a información pública explicou que no proceso de xeración do formato non editable do documento “faltaban dez planos, que se selou e visou que eran idénticos aos do formato editable polo que se trasladaron á Xunta de Galicia que no puxo ningún reparo na tramitación desta información”. Así, reiterou non hai “ningunha dúbida sobre que o proceso é correcto e someteuse a información pública o documento aprobado no Pleno” onde se deu luz verde á documentación completa.

 

Descargar todas as imaxes