Escoitar

Vigo insta ao goberno autonómico a que faga público o estudo do mapa da soidade de Galicia

A moción socialista aprobada este mércores no último Pleno da Corporación de 2021 esixe ao Goberno galego que cumpra o compromiso acordado en sede parlamentaria de dar a coñecer os datos do estudo de análise e diagnose do mapa da soidade de Galicia.

mércores, 29 dec 2021
A Corporación gardou un minuto de silencio en recordo das vítimas da violencia de xénero
A Corporación gardou un minuto de silencio en recordo das vítimas da violencia de xénero

O texto defendido pola concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, demanda tamén a aprobación con urxencia o Plan Galego para a Soidade non Desexada con memoria económica detallada e o plan anual de actuación así como a estratexia de colaboración cos Concellos.

“É urxente que a Xunta cumpra os compromisos e anuncios realizados hai máis de dous anos, coa dotación orzamentaria axeitada e coas transferencias aos municipios que teñan que aplicar as medidas de atención”, expuxo Yolanda Aguiar, quen lamentou que “unha vez máis teñen que ser os Concellos os que dean un paso á fronte” desenvolvendo programas dirixidos aos colectivos de persoas maiores que viven soas que, no caso de Vigo, son máis de 15.000.

Neste sentido, apuntou a edil de Política Social que os municipios “non poden seguir a traballar orfos, en soidade, coa ausencia absoluta da Xunta de Galicia en materia de atención ás persoas maiores, especialmente as que viven soas”. A moción foi aprobada polos grupos municipais coa abstención dos populares.

Descargar todas as imaxes