Escoitar

Caballero anima a sumarse a Reciclos, que xa completou a primeira acción de apoio a APAMP

Este luns, no farol de Urzáiz, o alcalde visitou a campaña de promoción deste programa co que os cidadáns ao reciclar obteñen puntos, chamados Reciclos, que poden cambiar por recompensas ou doalos a un obxectivo social. Vigo xa cubriu o primeiro, en beneficio de APAMP, e agora promove a colaboración coa Asociación Galega San Francisco.

luns, 20 set 2021
Abel Caballero no centro, xunto á concelleira de Medioamibiente, Nuria Rodríguez, e o responsable de Ecoembes en Galicia, Bruno de Llano.
Abel Caballero no centro, xunto á concelleira de Medioamibiente, Nuria Rodríguez, e o responsable de Ecoembes en Galicia, Bruno de Llano.

Segundo informou Abel Caballero en declaracións posteriores á visita, uns 1.500 vigueses e viguesas xa están inscritos nesta iniciativa e fixeron posible, coa súa reciclaxe no contedor amarelo e a doazón dos Reciclos, unha achega de 2.000 euros en favor de APAMP, a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral. O novo obxectivo social desta campaña promovida por Ecoembes e o Concello de Vigo é en beneficio da Asociación Galega San Francisco, adicada a mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional intelectual e a dos seus familiares.

Caballero recordou que, desde o 1 de xullo, a veciñanza de Vigo xa pode reciclar envases nos 1.206 recipientes amarelos adheridos ao programa. Os interesados en participar deben descargar a app e rexistrarse, escanear na casa os códigos de barras das latas ou botellas de plástico a reciclar antes de tiralas ao cubo e, cando acudan ao contedor amarelo, escanear o código QR que atoparán nel para logo depositar o lixo. Será entón cando se reciban os puntos, denominados Reciclos, que poden ser permutados por distintas recompensas ou cedelos con fines sociais. Existe un límite semanal de Reciclos a obter, co fin de promover un consumo responsable.

O alcalde invitou á cidadanía a sumarse ao proxecto e puxo en valor a reciclaxe que Vigo fai no contedor amarelo, cun crecemento dun 13,5% con respecto ao ano 2019. Ademais, a cidade olívica é a urbe galega que deposita no contedor xeral menos residuos impropios –os que non corresponden para este cubo–, o que revela non só que os vigueses e viguesas reciclan máis senón que son tamén os que separan mellor.

Descargar todas as imaxes