Escoitar

O Pleno insta á Xunta a manter o mesmo profesorado no novo curso escolar

O acordo foi proposto polo concelleiro de Educación do goberno de Vigo, Gorka Gómez, e apoiado por todos os corporativos, salvo polos catro do Partido Popular, que se opuxeron. Vigo demanda para este curso o mesmo número de docentes que no 2020-2021 “para garantir os protocolos sanitarios e unha educación de calidade”.

mércores, 15 set 2021

A moción preséntase despois de que “nos últimos meses moitas protestas se teñan producido na nosa cidade e en numerosas cidades de Galicia ante a previsión da Consellería de Educación de reducir drásticamente o número de profesoras e profesores nos centros” de infantil, primaria e secundaria. O goberno vigués recorda no documento que a Xunta recibe 800 millóns do Goberno de España para gastos sociais, sanitarios e educativos, con cargo aos fondos europeos, e o propio Ministerio de Educación solicitou das autonomías o uso destes cartos para o mantemento do mesmo número de profesoras e profesores do curso pasado.

“A pesar da existencia de fondos estatais para manter o profesorado, a Xunta de Galicia decidiu volver á situación do curso 2019-2020 e reducir aínda máis o persoal docente”, reza o texto, nunha decisión “inexplicable” do goberno presidido por Núñez Feijóo, que “debería apostar por manter ese número no futuro co obxectivo de reducir ratios e mellorar a atención educativa”.

Así, o acordo adoptado demanda da Xunta o mantemento do mesmo número de mestres e mestras “para garantir todos os protocolos sanitarios e unha educación de calidade”, e foi aprobado cos votos a favor de todos os concelleiros e concelleiras da Corporación municipal de Vigo, excepto polos catro edís do PP de Vigo, que votaron en contra.

Descargar todas as imaxes