Escoitar

Case 3.000 estudantes de Vigo gozarán no 2022 dunha beca de inglés do Concello

O goberno de Vigo adxudicou este xoves a xestión do programa “Vigo en inglés”, as axudas para que alumnado de Secundaria pase un mes estudando en inmersión no Reino Unido. O Concello enviará o ano que vén a preto de 3.000 estudantes, os da convocatoria de 2022 e tamén os de 2021 e 2020, adiadas pola Covid.

xoves, 2 set 2021
O alcalde informou da decisión este xoves, logo da presentación do proxecto de musealización das galerías da fortaleza do Castro.
O alcalde informou da decisión este xoves, logo da presentación do proxecto de musealización das galerías da fortaleza do Castro.

Explicou Caballero que o Concello adica 2,2 millóns de euros anuais a este programa de inmersión lingüística municipal, que no ano 2022 mandará a “case 3.000” estudantes vigueses a distintos municipios do Reino Unido. A xeración de 2020 viaxará en xullo do próximo ano, a de 2021 o fará en setembro e a de 2022, en outubro.

“Isto si que é a armada invencible, isto si que é a invasión de Inglaterra, de Gales, de Escocia e de Irlanda por chicos e chicas de Vigo”, manifestou Caballero, quen mostrou a súa “satisfacción” e engadiu que a intención municipal é que a mocidade viguesa fale tres idiomas: español, galego e inglés.

“Confío en que nese momento a pandemia estea superada e teñamos a comodidade e a tranquilidade de poder facer as bolsas de inglés” e que os preto de 3.000 alumnos poidan gozar da súa estadía no estranxeiro. “Practicamente a metade de cada xeración de chicas e chicas de Vigo vai estudar inglés a Inglaterra becados polo Concello e, se houbera máis demanda, amplío as becas”, asegurou o alcalde, quen apuntou que “ninguén vai quedar sen becas de inglés” mentres cumpra os requisitos.

Descargar todas as imaxes