Escoitar

O Concello lanza “A defensa de Vigo”: a recuperación das galerías soterradas da fortaleza do Castro

Abel Caballero e Carmela Silva presentaron este xoves o proxecto de musealización, que iluminará e permitirá visitar os 65 metros de pasadizos que discorren baixo o monumento, acompañados con soportes audiovisuais e co fío histórico do asedio sufrido pola cidade en 1719. O alcalde cifrou o orzamento nun millón e medio de euros e agarda que estea concluída antes de que finalice o próximo ano.

xoves, 2 set 2021
Abel Caballero e Carmela Silva, durante a presentación.
Abel Caballero e Carmela Silva, durante a presentación.

No patio de armas da fortaleza, Caballero agradeceu o traballo de Perfecto Cendón e Javier Vázquez, os arquitectos encargados do proxecto xunto ao arqueólogo Javier Chao e ao historiador Manuel Estévez.

Con “A defensa de Vigo”, o Concello quere poñer en valor as galerías do monumento, descubertas durante os traballos de rexeneración da muralla, rematadas recentemente, e que servían de refuxio e almacén de víveres. O goberno vigués encargou entón o proxecto que hoxe foi presentado, coa finalidade de divulgar estes pasos soterrados e tamén os acontecementos defensivos da fortaleza. A actuación será integral e respectuosa co entorno, primando a conservación con accións lixeiras e orientadas á conservación e divulgación deste Ben de Interese Cultural.

Segundo explicou Caballero, os pasadizos serán preparados para ser visitados, incorporarán iluminación en forma de arcadas e unha instalación sonora que recreará o asedio sufrido en 1719, como parte das guerras iniciadas por Felipe V contra a Cuádruple Alianza: Francia, Reino Unido, o imperio Xermánico e as provincias unidas dos Países Baixos. No tramo final das galerías, os visitantes revivirán o suceso bélico tamén en pantalla.

Á saída terá lugar no patio de armas, onde o Concello prevé unha intervención museográfica vencellada ao ataque de hai case que tres séculos, creando un recinto expositivo lixeiro, de madeira e con forma de barco no que, a través de audiovisuais e paneis informativos, completar a experiencia sensorial dos túneles cunha simulación virtual do que estaría acontecendo entón no mar.

Por último, e para poñer o énfase nos recintos defensivos conservados e nas súas portas de acceso, o goberno de Vigo instalará pezas didácticas en puntos estratéxicos da fortaleza, de novo lixeiras, de metal e do tamaño dunha persoa, revelou Caballero, sinalizando e imitando a planta dos baluartes. Con eles finalizarán os contidos sobre a fortaleza e os distintos acontecementos defensivos vividos na historia da cidade e do Castro.

“Estamos entusiasmados”, manifestou Abel Caballero en referencia tamén á tenente de alcalde e concelleira de Patrimonio Histórico, Carmela Silva, presente no acto. É unha iniciativa “moi ambiciosa”, valorou o alcade, “unha forma de recuperar unha parte importantísima da cidade”, o que sucedeu a comezos do século XVIII.

“En Vigo marcamos senda en moitas cousas e isto vai marcar unha senda de contextualización de patrimonios históricos de ámbito militar, porque a idea é brillante, é fantástica: ser quen de simular o contexto de 1719 e do que significaba entón a cultura da guerra”, resumiu o alcalde vigués.

O orzamento deste proxecto ascende a millón e medio de euros. Abel Caballero agarda que a actuación estea concluída a finais do próximo ano e anunciou que Vigo presentará esta iniciativa aos fondos europeos Next Generation EU, aínda que a súa execución foi garantida polo alcalde, quen non a supeditou á obtención das achegas comunitarias.

Abel Caballero e Carmela Silva, durante a presentación.
Descargar todas as imaxes