Escoitar

O Pleno valida a modificación do Plan Xeral para “reconquistar” o Barrio do Cura

A Corporación deu luz verde este venres á modificación puntual do PXOM para a reordenación desta céntrica zona, que podería estar en obras de urbanización en menos dun ano. Para o alcalde, a cidade vai “reconquistar” o Barrio do Cura logo de trinta anos, con vivenda protexida, prazas e zonas verdes públicas.

venres, 23 xul 2021

A inmensa maioría dos concelleiros e concelleiras apoiaron a modificación urbanística defendida este venres en sesión plenaria pola tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride. O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, abstívose, mentres que os dous representantes da Marea votaron en contra do acordo proposto polo goberno de Vigo e apoiado polo resto de edís co seu voto favorable.

No salón de Plenos, Abel Caballero celebrou a aprobación, “un día tan importante na cidade” no que o seu “corazón histórico”, o Barrio do Cura, deixa atrás tres décadas clamando pola súa rexeneración para dar paso ao “avance de construción, acondicionamento e apertura á cidade”. A previsión municipal data o inicio dos traballos de urbanización en algo menos dun ano.

O alcalde puxo en valor un proxecto que inclúe un 30% de vivenda protexida, unha escola infantil que será de titularidade municipal, novas prazas e zonas verdes para uso cidadá. Trátase dun modelo de “reconquistar, rexenerar e devolverlle á cidade o Barrio do Cura”, afirmou, co que ademais Vigo lanza a mensaxe de que “non hai ningunha ferida desta cidade que non poida ter solución”. Caballero concluíu que a aprobación supón a resolución dun “erro histórico” que a cidade leva pagando trinta anos e saudou un novo Barrio do Cura “aberto para toda a cidade”.

Ao remate da sesión plenaria, o alcalde, Abel Caballero, e a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride, achegáronse ao Barrio do Cura cos promotores e o arquitecto do proxecto, Alfonso Penela.

Debate

A concelleira de Urbanismo resaltou o interese público da actuación, que, segundo explicou, “coserá” a cidade e conectará o Barrio do Cura co Casco Vello, dotará ao entorno de espazos públicos e mellorará a mobilidade transversal entre o Paseo de Alfonso e o Berbés mediante ascensores.

Pola súa banda, o voceiro do PP, Alfonso Marnotes, responsabilizou ao goberno vigués da “degradación” da zona e avogou pola peonalización de Elduayen e o Paseo de Alfonso. Pérez Igrexas, quen se abstivo, discrepou da “urxencia” de modificar o actual Plan cando hai un novo en redacción e o edil da Marea, Rubén Pérez, xustificou a oposición do seu grupo por consideralo un proceso urbanístico de “xentrificación” de intereses eminentemente privados.

Descargar todas as imaxes