Escoitar

O Concello reforza o servizo de autobús ás praias

O alcalde avanzou en rolda de prensa que dende este xoves, 15 de xullo, o transporte urbano verá reforzado o servizo das sete liñas que conectan a cidade coas praias e que incrementan a atención nas horas punta. Amais, o C3 fará o percorrido tódolos días da semana.

luns, 12 xul 2021

O goberno de Vigo reforza o servizo de transporte urbano cos areais da cidade desde este xoves, 15 de xullo, e ata o 31 de agosto. Hai 7 liñas que conectan a cidade coas praias e, no caso de Samil, teñen unha frecuencia aproximada de 5 minutos.

Tal e como explicou Caballero, as liñas L10, L11, L12A, L15A, L15B, L15C conectan a cidade coa praia, a circular C3 amplía o seu percorrido todos os días da semana, mantendo os horarios habituais – antes soamente circulaba en fin de semana-, mentres se reforza o servizo nas horas punta para facilitar a mobilidade ás praias. Amais, coa tarxeta do transporte urbano, pódense realizar ata 2 transbordos gratuítos en 45 minutos, polo que se pode chegar desde calquera punto da cidade cun prezo “moi abaratado” en palabras do rexedor.

O alcalde lembrou que para empregar o transporte urbano é preciso respectar as medidas de seguridade sanitaria a bordo: o uso de máscara é obrigatorio, non se permite comer nin beber nos autobuses e recoméndase o pago con tarxeta.