Escoitar

O Concello adxudica a obra do centro de formación da rúa Alta por máis de 600.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou a proposta de adxudicación das obras de rehabilitación do edificio situado no Casco Vello da cidade, na rúa Alta, 23, que o goberno municipal quere dedicar á formación para o emprego. Amais, adxudicáronse as humanizacións das rúas Rosal e Subride que suman 553.000 euros de investimento.

xoves, 8 xul 2021
O rexedor en rolda de prensa
O rexedor en rolda de prensa

O alcalde explicou en rolda de prensa que esta obra cumpre un dobre obxectivo de “formación e rehabilitación”, xa que o edificio albergará un centro de formación que é “a mellor forma de garantir e asegurar emprego, dando formación; e estamos cumprindo unha función moi importante” e ademais “recuperamos un novo edificio abandonado” no Casco Vello, enfronte da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.

Tal e como expuxo, o edificio ten unha superficie superior aos 400 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas e un baixo cuberta e a obra de rehabilitación ten un orzamento de licitación de 693.000 euros. Trátase dun edificio catalogado con grao ambiental no Pepri e deberán respectarse as proteccións marcadas.

Humanización rúas Rosal e Subride

Na sesión da Xunta de Goberno quedou adxudicado o expediente de contratación das obras de humanización da rúa Rosal en Coia por un importe de case 400.000 euros e que inclúe o soterramento da rede de abastecemento, a rede de rega, a renovación dos colectores de saneamento e drenaxe con tubos de PVC, a canalización de redes soterradas de enerxía e iluminación pública e a xardinería, farois, elementos de protección, mobiliario, semaforización e sinalización.

O goberno local aprobou tamén a adxudicación do expediente de contratación da humanización da Subride por un importe de 153.00 euros. Tal e como explicou o rexedor, son 450 metros de tránsito peonil na marxe esquerda da vía con canalización de pluviais baixo a beirarrúa e a canalización da iluminación exterior.

Prórroga contrato iluminación

O goberno local aprobou na Xunta de Goberno a segunda prórroga do contrato de servizo de mantemento das instalacións de iluminación pública, túneles, pasos inferiores, galerías de servizos, algunhas fontes ornamentais e instalacións de enerxías renovables do Concello por un importe 2.334.000 euros e un prazo dun ano.

O Concello está realizando unha análise técnica sobre a iluminación, tendo en conta que a cidade conta con 47.000 puntos de luz, estudando alternativas á subministración de enerxía eléctrica, tendo en conta as novas tecnoloxías para a iluminación viaria e os proxectos de transición enerxética, pendentes tamén das propostas de proxectos aos fondos Next Generation EU para atender as necesidades de Vigo neste ámbito.

Melloras Aqualia

A Xunta de Goberno Local recoñeceu na sesión deste xoves as melloras da prórroga da concesión de Aqualia que teñen un valor de case 2 millóns de euros e non supoñen custo para as arcas municipais. As actuacións executadas ata o 30 de xuño de 2020, teñen un importe de 974.097 euros: sistema recloración en Sárdoma, o plan de eficiencia e control de consumos municipais, o Plan Verde de mellora en Avenida Florida, en Senda da Auga, en paseo fluvial do Lagares e no parque de enerxías renovables en Navia.

As melloras de Aqualia executadas ata o 31 de marzo de 2021, por un importe de 897.430 euros comprenden o control arqueolóxico previo ao saneamento de Jacinto Benavente, o mallado de rede de abastecemento, a eliminación de vertido en zona de Alza, o proxecto de mellora da rede de saneamento Jacinto Benavente, Camelias, Filipinas, o proxecto de control recloración depósitos, proxecto de instalación de rede de saneamento en rúa Fontiñas e en rúa Pontevedra.

 

Descargar todas as imaxes