Escoitar

O Concello dedica 2,2 millóns de euros ao programa “Vigo en Inglés 2021-2022”

A Xunta de Goberno Local aprobou a contratación dos servizos para a xestión, organización e desenvolvemento do programa municipal de inmersión lingüística por un importe de 4,4 millóns de euros, nun prazo de 2 anos. En 2022 viaxarán a aprender inglés case 3.000 mozas e mozos da cidade.

xoves, 24 xuñ 2021

O alcalde avanzou que o vindeiro ano viaxarán entre 2.500 e 3.000 mozas e mozos de Vigo a a Reino Unido e a Irlanda para aprender inglés grazas ao programa municipal, xa que este ano seguen sen darse as condicións sanitarias para poder gozar da estadía.

Así, a xeración de 2021 viaxará en setembro de 2022 a xeración do 2022 viaxará en outubro de 2022. A xeración do 2020 que non gozou da súa bolsa por razóns de pandemia está previsto que o fagan en xullo de 2022.

Abel Caballero salientou que o Vigo en Inglés é “un programa do que estou orgullosísimo porque enviamos xeracións e xeracións de mozas e mozos que aprenden inglés e o importante que é falar un idioma como o inglés”.

Produción técnica de eventos

A Xunta de Goberno aprobou tamén a contratación da prestación do servizo de produción técnica para a realización de eventos institucionais do Concello, por un ano prorrogable a tres. Inclúe todos os servizos, equipamentos, medios técnicos e infraestruturas necesarias para a realización de 3 tipos de eventos: ao aire libre (calcúlanse 3 ao ano), eventos en auditorios con escenario (prevense 3 ao ano no Auditorio municipal, Mar de Vigo ea Afundación) e eventos que non requiren escenario nin equipamentos dos que se prevén 14 anos.

Amais, quedou adxudicada a contratación da subministración de varanda de aceiro inoxidable para o paseo das zonas verdes de Samil para garantir a seguridade dos usuarios por un importe de 121.000 euros, que permitirá cubrir unha lonxitude de medio quilómetro. Tal e como avanzou o rexedor, o goberno municipal traballa tamén na execución dun novo paseo “máis ancho e ecolóxico desde a zona do Camaleón ata a praia da fonte para liberar praia e facer a zona máis verde”.

VII Programa municipal de medianeiras

A Xunta de Goberno adxudicou a contratación das obras do sétimo programa para arrombar medianeiras e outros elementos verticais con incidencia na vía pública, que ten un orzamento de 243.000 euros. Vigo suma nesta edición 15 novos espazos, acadando as 150 obras en total, o que nos sitúa como “unha das cidades de Europa con máis arte na rúa” distinguíndonos como cidade con rutas de arte ao aire libre e rexenerando espazos na cidade.

O VII programa de medianeiras inclúe 15 novas obras de arte asinadas por 15 artistas en practicamente todo Vigo: AEC Interesni Kazki na Rúa José Fiaño Señor, 12; Elisa Capdevila en Travesía de Vigo, 85; SAN (Daniel Muñoz), en Paulino Freire, 1; Expostas (Vanesa Álvarez, Lorena Arévalo, Cristina Navia e Susana Maceiras), en Mestre Chané, 9; Honey (Miguel Cajaraville), Beiramar, 115; ARYZ (Octavi Arrizabalaga) en Pablo Iglesias, 20; Xoana Almar no CEIP Emilia Pardo Bazán; Taquen en Avenida Balaídos, 31; Fundación Igual Arte, no muro Urbanización Sotavento (Paseo de Bouzas); Amaia Arrazola no Pavillón Carballal; Ana Taratiel no IES O Castro; Dispersa (Alejandra Tomei) nas escaleiras Quintela en Castelao; Roberto Argüelles no Muro CEIP Mestres Goldar; Davida (David Amoedo) nas escaleiras de Seara e The Caver (Nuno Barbedo) nas escaleiras de Hispanidade.

O programa municipal de medianeiras dedica este ano 236.000 euros ao desenvolvemento das actividades complementarias como obradoiros e actuacións musicais na rúa así como para o mantemento das pinturas.

A Xunta de Goberno aprobou tamén o convenio coa Asociación de Amas de Casa e Consumo “Agarimo” por un importe de 13.000 euros para colaborar nos gastos do local social.

 

Descargar todas as imaxes