Escoitar

O Concello de Vigo presentará en FITUR “o mundo nunha cidade”

O xoves 20 de maio, o alcalde lanzará na Feira Internacional de Turismo o “proxecto Vigo” e a súa “transformación excepcional”, que vén recoñecer a enquisa da OCU que sitúa a Vigo como a urbe con maior calidade de vida de España. Para Caballero, a proposta viguesa resúmese nunha frase: “Vigo, o mundo nunha cidade”.

venres, 14 mai 2021
Abel Caballero e Miguel Lago, na presentación de Vigo en FITUR en xaneiro de 2020
Abel Caballero e Miguel Lago, na presentación de Vigo en FITUR en xaneiro de 2020

A cidade levará o seu potencial turístico a Madrid e presentará en FITUR o “proxecto Vigo”. O alcalde, Abel Caballero, avanzou este venres as principais liñas da presentación que ultima o Concello, que liderará o propio o alcalde acompañado por Paula Montes e Miguel Lago, ambos vigueses do mundo da comunicación.

Primeiro, Caballero desvelou que ocupará “un lugar central” a enquisa da OCU que designa a Vigo como a cidade española con máis calidade de vida, valorando cuestións como a mobilidade, a seguridade, a oferta cultural, deportiva e de ocio, o medio ambiente ou a limpeza, entre outros. Amais, o rexedor subliñou a “transformación excepcional a efectos turísticos” que está a protagonizar Vigo.

Neste asunto, e a través dunha personaxe que regresa á cidade quince anos despois, o Concello mostrará en Madrid o Vigo actual, “a nova cidade verde, o Castro reformado, a mobilidade vertical, os novos movementos culturais, o Marisquiño, o Nadal, a Reconquista e as praias de Vigo”, indicou Caballero, quen recordou que Vigo é a gran cidade española con máis bandeiraz azuis, un total de trece entre areais e sendeiros.

“A situación da cidade resúmese nunha frase: Vigo, o mundo nunha cidade”, trasladou o alcalde, quen recordou tamén o proxecto para converter ás illas Cíes en Patrimonio da Humanidade e destacou o Nadal vigués como un “fenómeno turístico que deu a volta ao mundo”.

Descargar todas as imaxes