Escoitar

Os museos municipais celebran con actividades especiais o Día Internacional dos Museos

O vindeiro martes, 18 de maio, conmemórase a xornada en todo o mundo, este ano baixo o lema “O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar” e tanto o Marco como o Museo Liste súmanse á celebración con talleres e visitas guiadas nas súas instalacións.

venres, 14 mai 2021

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo ofrece catro días consecutivos de propostas para público adulto e infantil arredor da exposición “4 Proxectos. Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador e Juan Cidrás, Mar Vicente” que está aberta na planta baixa do espazo.

Así, dende o martes 18 e ata o xoves día 20, organiza actividades e talleres para o público infantil (desde os 3 anos) en dous grupos e dous horarios diferenciados. O venres 21, haberá actividades para o público adulto distribuído en dous grupos e horarios e, dende o martes ao venres ás 12:00 horas da mañá haberá visitas guiadas á exposición para público xeral e visitas especiais, guiadas polos artistas en función da súa dispoñibilidade, para a Agrupación Amiga do Marco. Amais, o mércores 19 e o venres 21, desenvólvense sesións do Club Lectura do Marco

O Museo Liste organiza o Día Internacional dos Museos ás 11 horas da mañá unha actividade exterior, suxeita á climatoloxía, baixo o lema da xornada deste ano, “O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar” coa participación da Asociación Mulleres e Palabras e da ilustradora Eva Casais. Ese mesmo martes 18, ás 11:30 horas programa unha visita guiada especial ás exposicións actuais do Museo.