Escoitar

O alcalde comprométese a “reforzar” o apoio á Vigo 430, que programa tres concertos en maio e xuño

Na presentación do seu ciclo de primavera, Abel Caballero plasmou publicamente “un compromiso firme: imos reforzar o apoio á Orquestra Sinfónica Vigo 430”. A formación ofrecerá tres actuacións no MARCO e no auditorio municipal do Concello, acompañada de solistas internacionais.

xoves, 13 mai 2021
Abel Caballero e Javier Escobar, este xoves
Abel Caballero e Javier Escobar, este xoves

O alcalde, Abel Caballero, e o director artístico da Vigo 430, Javier Escobar, presentaron este xoves en rolda de prensa os concertos, para os que se rodean de directores e solistas de talla mundial e interpretan en espazos novos, como son o auditorio municipal do Concello e o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), coa idea de interactuar coa arquitectura e a cultura propias da cidade.

Na súa intervención, o alcalde recordou que “durante o tempo de pandemia tratamos de manter ao máximo posible a actividade cultural” e agora “arrancamos con estes tres concertos e cun compromiso firme: imos reforzar o apoio á Orquestra Sinfónica Vigo 430”. A cidade, engadiu Caballero, “ten que ser capaz de consolidar polo menos unha gran orquestra sinfónica”, que hoxe é “un proxecto de éxito e a partir de agora imos darlle un novo impulso. Creo que nos seguintes cinco anos temos que darlle un impulso definitivo”.

Javier Escobar, pola súa banda, manifestou que “non temos palabras para agradecer o apoio que sentimos a este proxecto, desde o principio e con toda esta situación” do Covid, uns meses “desmoralizantes” nos que houbo que anular a programación, que dan paso a un ciclo que combina “a calidade dos músicos da terra con moi destacados intérpretes internacionais”.

Para a nova tempada elixiuse o lema “Rexurdimento”, xa que a chegada da primavera trae consigo a volta das actuacións e o rexurdir do panorama cultural, dada a situación da pandemia. Ao efecto, a Vigo 430 achégase amais ás rúas raíces e programa as súas formacións iniciais (ensemble de cámara, orquestras barroca e sinfónica), cun repertorio próximo aos orixinais.

O ciclo de primavera da Vigo 430 arranca este mesmo sábado, 15 de maio, ás 20 horas, na sala 3 do Museo MARCO. A cita reunirá á Ensemble de cámara da formación xunto a Lir Vaginsky ao violín e a Lea Hennino á viola, interpretando obras de Beethoven, Saint-Saens e Meldelsshon.

O segundo concerto se celebrará no auditorio municipal do Concello, tamén ás 20 horas, nesta ocasión coa Sinfónica Vigo 430 acompañada por Marie Chilemme (viola) e Isabel Rubio (directora). O cartel presenta pezas de Herschel, Hoffmeister e Haydn. O MARCO acollerá novamente a última actuación, desta volta ás 12:00 horas do 13 de xuño, a cargo da orquestra barroca da Vigo 430, xunto a Eugenia Boix (soprano) e a Pavel Amilcar (violín e director), tocando unha selección de arias das óperas Rodelinda, Agrippina e Alcina.

Os tres concertos son de acceso gratuíto ata completar aforo, un programa suxeito no seu desenvolvemento á evolución da pandemia e cumprindo sempre coas medidas Covid ditadas pola autoridade sanitaria.

Descargar todas as imaxes