Escoitar

As praias de Samil e O Vao terán cintas separadoras este verán para garantir a seguridade Covid

O alcalde avanzou este mércores que os dous areais vigueses repetirán o sistema de cintas de cores para marcar os espazos, establecido o verán pasado, durante os meses de xullo e agosto.

mércores, 12 mai 2021
O alcalde na presentación do sistema de cintas separadoras o ano pasado
O alcalde na presentación do sistema de cintas separadoras o ano pasado

"Sabemos que este verán vai ser menos malo que o anterior pero imos poñer as cintas nestas praias", anunciou Caballero en rolda de prensa, para "seguir situando a seguridade Covid 1000x100" nos areais da Samil e O Vao durante os meses de xullo e agosto, que son os de maior afluencia.

Tal e como expuxo, marcando as cuadrículas para os espazos das persoas de acordo coa norma sanitaria vixente en cada momento, os bañistas poden ter elementos de referencia nos areais para respectar a distancia de seguridade interpersoal.

O Concello instalou o verán pasado o sistema de cintas separadoras por cores nas praias para garantir a seguridade Covid e, este verán, repítese a fórmula de cuadrículas. "Isto non significa ningunha limitación adicional á establecida pola autoridade sanitaria", engadiu o alcalde, senón que permitirá distribuír homoxeneamente o número máximo de persoas permitidas no conxunto do areal.

Ademais, Caballero lembrou que Vigo é a cidade de España con máis bandeiras azuis: dez praias e 3 sendeiros, que copan unha parte importante da actividade no verán, polo que puxo en valor os sendeiros Camiño á Beiramar", a Senda Entre Faros en Illas Cíes e a Senda Litoral e do Monte da Guía en Teis.

Sobre o operativo de salvamento e socorrismo, o alcalde apuntou que este ano o Concello organizou un curso gratuíto para formar a socorristas para "evitar o problema de falta de socorristas" actuando con previsión para poder dotar ás praias deste servizo, ao que se suman efectivos da Policía Local, Protección Civil e técnicos en primeiros auxilios.

Axudas de emerxencia

O alcalde informou sobre a actuación do Concello en política social a través das axudas de emerxencia. A comisión municipal concedeu este martes 195 axudas por un importe superior aos 22.000 euros. 50 das aprobadas foron para pagos de vivendas e "segue habendo lanzamentos, desaloxos por decisións xudiciais das que se fan cargo os concellos", apuntou, engadindo que se levan atendido "a case 37.000 persoas e millóns de euros dedicados a axudas sociais para paliar os efectos da crise económica derivada da pandemia". A este respecto, o rexedor criticou que a Xunta de Galicia non achegue fondos a Vigo para este fin tras recibir axudas do Goberno de España pero "a Vigo non chegan".

Descargar todas as imaxes