Escoitar

Vigo consolídase como “a cidade con máis bandeiras azuis de España”

Abel Caballero valorou este martes a resolución do organismo, que outorgou tantas como solicitou o Concello: dez praias e tres sendeiros. Vigo revalida polo tanto o número de insignias dos dous últimos anos. “Somos a cidade con máis bandeiras azuis de España”, manifestou o alcalde.

martes, 11 mai 2021
Acto de izado das bandeiras azuis, no verán de 2020
Acto de izado das bandeiras azuis, no verán de 2020

Vigo volve lucir este ano como a gran cidade española con máis bandeiras azuis. Dez areais e tres sendeiros veñen de conseguir esta distinción un ano máis, reeditando o número de 2019 e 2020, e acada todas as solicitadas: A Punta, Carril, Tombo do Gato, Argazada, Samil, Fontaíña, O Vao, Canido, Fortiñón e Rodas, ademais da ruta entre faros de Cíes, o Camiño a Beiramar e a senda litoral e do monte da Guía.

Abel Caballero mostrouse satisfeito este martes co resultado, pois recoñece a calidade das rutas e dos areais vigueses, ademais da prestación de servizos como o salvamento e o socorrismo nestas dez praias entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, a cargo de case que medio centenar de profesionais e cun gasto municipal de 566.000 euros. O alcalde tamén citou á vintena de axentes da sección Costa e Praia da Policía Local de Vigo que traballan no período estival.

“Solicitábamos trece bandeiras azuis e nos deron trece”, manifestou este martes o alcalde, quen saudou que “somos a cidade con máis bandeiras azuis de España”. Outros municipios de menor tamaño suman máis distincións, pero Vigo destaca entre as urbes, segundo explicou: “Temos as mellores praias que se poden ter nunha cidade de España”.

Descargar todas as imaxes