Escoitar

Vigo traslada ao Ministerio de Industria os manifestos de interese impulsados para captar fondos Next GenerationEU

Abel Caballero, Carmela Silva e David Regades mantiveron esta mañá unha reunión no Ministerio de Industria para presentar algúns dos proxectos cos que Vigo aspira a fondos NextGenerationEU. Segundo explicou o rexedor, durante o encontro pasaron revisión a todos os manifestos de interese que se enviaron desde o Consorcio da Zona Franca, ademais de detallar os distintos proxectos.

luns, 10 mai 2021

O alcalde trasladou ao remate da reunión co secretario xeral e o director xeral de Industria, Raúl Blanco e Galo Gutiérrez, respectivamente, que lles expuxeron con detalle os proxectos impulsados desde Vigo para atraer fondos europeos. En primeiro término, referíronse á fábrica de baterías que ten solo dispoñible na Plisan, unha iniciativa na que se sigue a traballar en busca de maior definición, que é vital para o asentamento da industria da automoción e que xa conta co apoio de diferentes industrias vencelladas. Outra das propostas, a factoria de circuítos fotónicos, conta con socio industrial e xa despertou o interese do ministro de Ciencia, Pedro Duque. Tamén falaron da planta de hidróxeno verde, un proxecto maduro con socios tecnolóxicos, que se implantaría en Balaídos -detrás de Citroën - e que servirá para subministrar a parte da flota de vehículos municipais. Por último, explicou o rexedor, abordaron o acordo con Cellnex sobre o 5G, un proxecto de gran interese para o Goberno de España. Na reunión tamén participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o delegado da Zona Franca, David Regades.

Barreras

A situación de Barreras foi outro dos asuntos que se trataron nunha reunión na que se constatou que as únicas administracións implicadas na solución da difícil situación que está a vivir o estaleiro son o Concello -con vontade política posto que non ten competencias - e o Goberno Central. Neste senso, Caballero avanzou as tres liñas nas que o Ministerio vai a actuar, comezando por aprobar un adianto de tax lease, ofrecendo subvencións a interese e aportando apoio desde fondos Cesce. Caballero explicou que desde o Ministerio de Industria lles confirmaron que a Xunta “no achega nin recursos, nin ideas, nin solucións, que non parece estar interesada la resolución deste complexo conflito industrial”.

 

Descargar todas as imaxes