Escoitar

O Concello inviste 185.000 euros na cubrición do patio do Ceip Pintor Laxeiro

A Xunta de Goberno Local aprobará este xoves a adxudicación da contratación das obras do proxecto para cubrir o patio que se realizan en virtude do convenio asinado entre o goberno municipal e a Deputación de Pontevedra que inclúe tamén o patio do Ceip Balaídos.

mércores, 5 mai 2021

Segundo explicou o alcalde, coas obras o Concello "creará un espazo cuberto para os días de mal tempo e que poidan facer o recreo alí" amais de que servirá para que o alumnado de infantil poida usar esa zona exterior cuberta para realizar diferentes actividades.

A obra inclúese no convenio asinado entre o goberno de Vigo e a Deputación de Pontevedra para cubrir os patios do Ceip Pintor Laxeiro e do Ceip Balaídos, cuxas obras teñen un orzamento de 397.000 euros e foron adxudicadas no mes de marzo coa previsión de iniciárense nun breve prazo de tempo.

O Concello xa asumiu as obras para cubrir os patios de cinco centros educativos da cidade: García Barbón, Canicouva, Rocío, Castelao e Carballal, ten en fase de redacción as obras para cubrir o Villalaura e o Frián Teis e ten 300.000 euros consignados no orzamento de 2021 para máis patios. Abel Caballero lembrou que a cubrición destes espazos é "obriga da Xunta de Galicia" e pediu ao goberno autonómico "que explique por que non os cobren, por que ten que ser o Concello quen os cubra".

Amais, a Xunta de Goberno Local aprobará a prórroga da cesión temporal dunha vivenda municipal de protección para mulleres vítimas da violencia de xénero a unha muller e o seu fillo menor por un período de dous meses, dado que se manteñen as circunstancias que fan necesaria esta axuda. "Para nós é unha prioridade a violencia machista e a loita contra ela", apuntou o rexedor, ao expoñer que o Concello dedica 1,5 millóns de euros ao ano á igualdade e á loita contra a violencia de xénero e "seguiremos facéndoo".

Descargar todas as imaxes